O documental sobre a poesía galega contemporánea, Vértice de Versos, preséntase o vindeiro venres na Casa da Cultura de Carral.
Despois da estrea que tivo lugar o pasado 23 de marzo en Oleiros, o documental de Carlos Lorenzo proxéctase en Carral, localidade empregada como unha das localizacións nas que se rodou esta produción audiovisual. Carlos Lorenzo é o técnico municipal de Cultura e é titulado pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Vértice de Versos é a súa primeira obra audiovisual na que asume o rol de director e produtor. Antes tiña participado no ámbito audiovisual como guionista e en tarefas de produción.
En Vértice de Versos faise un repaso pola poesía galega dos últimos 25 anos tratando temas como a súa fortaleza nos últimos anos, as novas formas de expresión poética, o valor da lingua neste fenómeno ou o salientable papel da muller na actual poesía, entre outros temas. Centra tamén a súa atención en catro poetas de éxito, como son Baldo Ramos, Emma Pedreira, Yolanda Castaño e Gonzalo Hermo, revisando as súas traxectorias, os seus procesos creativos e as súas obras. Tamén se inclúen vídeopoemas destes autores, algúns feitos especialmente para o documental.
É unha longametraxe áxil e entretida, na que as persoas que non teñen contacto habitual coa poesía galega, descubrirán unha nova imaxe deste ámbito literario.
O Concello de Carral é unha das entidades que colaborou na produción do documental.
O documental proxectarase ás 20:30 h. As localidades son limitadas e as entradas, que son de balde, poden retirarse previamente na Casa da Cultura desde o mércores 4 de abril.
Teaser – Vértice de Versos from Carlos Lorenzo Pérez on Vimeo.