Tag Archive for: SAF

O pasado mércores, 15 de xaneiro, o alcalde de Carral, Javier Gestal, xunto a Santiago Campos, representante da empresa AZVASE S.L, asinaron o novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Carral para os próximos dous anos.

Este novo acordo ten unha duración de 2 anos, máis un de prórroga, e conta cun orzamento de licitación de 1.543.010 euros (+4% IVE 61.720,40 euros), que suma un total de 1.604.730,40 euros.

O contrato prevé que se presten en cada un dos dous anos de vixencia 24.5000 horas pola modalidade de dependencia e 9.000 por libre concorrencia. Así, as horas totais a prestar anualmente serán de 33.500, sendo de 23,94 euros o prezo por hora.

Coa firma deste novo convenio ponse fin á prestación do servizo por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais, dando paso a AZVASE. S.L.

Tras o novo acordo, o rexedor quixo “agradecer, en nome de todo o Concello de Carral, a boa disposición e xestión por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais e o compromiso e bo labor do seu xerente, Miguel Angel Vilas”.

Regularización do SAF
O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o SAF atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa non 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que “agora cumprimos a nosa palabra de asinar un novo contrato do SAF no que ademais investirase máis que no anterior do ano 2021”.

Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradece “o esforzo e o traballo que realizaron non só desde o departamento de Servizos Sociais senón tamén a inmensa implicación desde a secretaría do Concello, así como da empresa V.M asesores encargados do asesoramento técnico”.

A edil reitera “a importancia dos Servizos Sociais dentro do proxecto de Alternativa dos Veciños de Carral, uns dos departamentos máis importantes do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”.

O novo equipo de goberno tivo que aumentar a partida orzamentaria do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) co fin de garantir a calidade desta prestación aos usuarios. No último pleno, que se celebrou a semana pasada, aprobouse un modificativo de crédito para atrasar as partidas de compra de terreos, adquisición de equipamentos e saídas, e poder así atender ás persoas maiores do municipio nas súas necesidades básicas. Con esta medida, garántense, non só as condicións do convenio das traballadoras, senón tamén a correcta atención ás persoas maiores do municipio, unha máxima para o goberno local.

O goberno denuncia a “situación insustentable” na que este servizo se atopaba á súa entrada no Concello. Así, existían tres empresas paralelas encargadas desta prestación, algunhas en condicións irregulares para as traballadoras -ás que non se lles cumprían as garantías do seu convenio-. Con todo, os grandes prexudicados eran as persoas usuarias, que en moitos casos levaban días sen ser atendidos.

Para solucionar esta situación, o goberno local realizou un minucioso estudo de mercado, solicitando varios orzamentos. A continuación, procedeuse á contratación dunha empresa ponte que cumprise os dereitos de subrogación de todas as traballadoras, axustando un prezo que garantise a posibilidade de realizar este servizo. O Concello esixiu que todas as traballadoras tivesen a formación e os medios necesarios para o bo desenvolvemento do servizo.

Actualmente, o equipo de goberno está a traballar xa na redacción dos pregos para a contratación deste servizo.