O programa Papeques 2019 conclúe esta semana con dúas funcións que terán lugar na sala do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.
Camiños é un espectáculo musical e un libro-disco a cargo de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao publico infantil e xuvenil. Camiños é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos. Este espectáculo terá lugar o xoves 11 de abril, ás 18:00 h. e está dirixido a público infantil e familiar.
Títeres Babaluva presentará para bebés (de 0 a 3 anos) A alfombra máxica, un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfactiva onde a artista plástica convida aos máis pequenos e pequenas a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear… As prazas para asistir a este espectáculo sensorial son limitadas, polo que é necesario recoller previamente as entradas na Casa da Cultura. A alfombra máxica presentarase o venres 12 de abril ás 18:00 h.
Con estas dúas funcións finaliza a segunda edición deste ciclo de cine e espectáculos infantís, que ata o momento conseguiu un total éxito de público.