A Concellería de Cultura do Concello de Carral ven de publicar na web municipal carral.es un extenso artigo sobre o pazo de Vilasuso, no que se aborda a liñaxe relacionada con esta casa, detalles biográficos dos personaxes de maior importancia histórica e aspectos arquitectónicos do edificio.
O artigo, do que son autores Guillermo Gutiérrez Gil e o técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo Pérez, é resultado dun convenio entre o Concello de Carral e a Universidade de Santiago de Compostela, co que se posibilita que alumnos da Facultade de Historia realicen prácticas no departamento municipal de Cultura. Tamén é resultado deste convenio a Guía de Cruceiros de Carral e unha futura publicación, xa en desenvolvemento, sobre Francisco Tettamancy.
O pazo de Vilasuso, no val de Barcia, acolleu unha das máis influíntes liñaxes mantendo sempre un estreito vencello coas fermosas terras de Carral. Existen documentos que vinculan xa no ano 1598 ao Capitán Gómez García de Varela, antepasado dos actuais donos, co lugar onde hoxe está o pazo. Desde os Santiso, que lle deron forma ao pazo no século XVIII, ata os Sangro que aínda hoxe residen en Vilasuso, a liñaxe foise misturando con outras importantes familias de dentro e fóra de Galicia, con varios protagonistas que escribiron páxinas salientables da historia española e galega. Entre os residentes en Vilasuso pódese destacar a Francisco Bermúdez de Sangro, que foi un dos asinantes da Constitución de Cádiz, Melchor Sangro Rueda, con importantes responsabilidades no ámbito político español, ou Pedro Sangro y Ros de Olano, que foi ministro de Traballo e considerado como un dos primeiros sociólogos de España.
Para ler ou descargar este artigo hai que acceder ao apartado de Publicacións, na súa sección de Libros da web municipal ou premendo aquí.