‘UN NADAL DIFERENTE PERO CON ALTERNATIVAS’, O CONCELLO PLANEA UNHA COMPLETA OFERTA PARA AS FESTAS

O Concello de Carral leva meses traballando para reaxustar a programación de Nadal á situación sanitaria provocada pola COVID-19. En palabras do goberno local, “o obxectivo era manter a programación de Nadal, pero adaptándoa á nova normalidade para garantir, por enriba de todo, o benestar dos veciños e veciñas”. Para conseguilo, e baixo o título ‘Un Nadal diferente pero con alternativas’, o Concello organizou un completo programa de actividades que se realizarán, tanto de xeito telemático, como presencialmente -neste último caso, cumprindo, en todo momento, cun estrito protocolo de seguridade-.

Por unha banda, a programación da Oficina Municipal de Información á Xuventude inclúe numerosas propostas. Entre elas, un Concurso de Postais de Nadal no que poderán participar nenos de entre 3 e 9 anos (divididos en dúas categorías) ata o 22 de decembro. O Concello propón tamén o certame ‘Anima o Nadal de Carral en TikTok’, no que terán a posibilidade de tomar parte rapaces e rapazas a partir de 10 anos -ata o 30 de decembro-. O vídeo gañador recibirá un premio. Así mesmo, e co fin de que os cativos e cativas poidan formular os seus desexos aos Reis Magos, o Concello porá en marcha un servizo de videochamada para o que será preciso reservar cita no teléfono 674 793 475 -dispoñible para nenos e nenas de ata 9 anos-. Esta é a alternativa que o Concello ofrece á tradicional recepción dos Reis Magos.

Pola outra banda, a oferta cultural inclúe un acto de animación musical o 24 de decembro no que se interpretarán panxoliñas ao longo de todo o municipio. O 26 de decembro ás 17.00 horas, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá ‘Cantando polo Nadal’, con Xavi Longueirón. Durante o espectáculo, o artista dedicará unha canción á tradicional figura do Apalpador. A maiores, o 5 de xaneiro ás 20.00 horas emitirase un vídeo da recepción dos Reis Magos por parte do alcalde, Francisco Javier Gestal. Os nenos e nenas que desexen formular os seus desexos ás Súas Maxestades de Oriente poderán facelo depositando as súas cartas no buzón real situado diante da Casa Consistorial. Este elemento estará disposto desde o 26 de decembro ata o 5 de xaneiro.