VOLVE TAPEANDO CARRAL, O CONCURSO PARA IR ABRINDO BOCA E IMPULSAR O CONSUMO NO TECIDO HOSTALEIRO ANTES DO NADALVOLVE

O Concello organiza, outro ano máis, unha nova edición do seu concurso Tapeando Carral, unha iniciativa coa que o goberno local busca un claro obxectivo: impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta do municipio antes da campaña do Nadal. 

A iniciativa levarase a cabo entre o xoves, 5 de decembro, e o domingo, día 8, e contará coa participación de 10 locais que farán as delicias do público asistente. 

O goberno local confía en que o certame acade unhas cifras de participación similares ás das edicións anteriores: “esperamos que a veciñanza volva a desfrutar deste certame e teña a mesma afluencia que nos últimos anos sendo esta medida, unha vez máis, un revulsivo para promover o consumo nos establecementos, dándolle así máis vida á nosa vila”. 

Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes negocios: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Vinoteca A Taberna XXI, Dopincho, Terra, O Lareiras, A Parola e Costa da Egoa.

O concurso levarase a cabo entre o xoves, 5 de decembro, e o domingo, día 8. O xoves, as elaboracións dos participantes poderán degustarse desde 20:00 horas e o domingo, estarán dispoñibles de 12:30 a 15.30 horas. O venres e sábado, o público poderá probar as receitas en xornada de mañá en tarde, entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas. 

Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). 

Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios.

Haberá un primeiro premio para as persoas participantes que teñan o 100% dos selos cumprimentados, un segundo premio para as persoas que teñan polo menos o 75% dos selos e un terceiro premio para as persoas participantes que teñan como mínimo o 50% dos selos. O sorteo terá lugar o 20 de decembro, ás 20:00 h.

O concurso, organizado polo Concello de Carral, realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Exclusivas Rivas Suárez, Jamones y Embutidos Elote e Bodegas As Laxas. 

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña