COMUNICADO EN RELACIÓN Á CESIÓN DE ESPAZOS MUNICIPAIS ÁS FORMACIÓNS POLÍTICAS
O Concello de Carral desexa comunicar que ante a acusación verquida no día de hoxe de que denega o uso dun local municipal para a realización dunha asemblea aberta de cidadáns, ningún membro do Goberno municipal nin empregados desta administración comunicou negación algunha ás solicitudes de locais ás formacións políticas que as tramitaron formalmente. De feito, no día de hoxe terán lugar actos políticos en dependencias municipais, tendo a disposición das organizacións solicitantes todo o mobiliario e equipamento audiovisual instalado nas salas.
Desde hai meses o Concello de Carral ten cedido espazos dos edificios públicos municipais e a colaboración do seu persoal, para a realización de reunións e actos de índole política, sen que en ningún momento se vetara nin censurara o seu uso.
O Concello de Carral mantén desde os últimos anos unha política de cesión dos locais municipais para favorecer as dinámicas sociais, culturais e recreativas dos veciños e veciñas do municipio, sen que se impuxeran restricións máis alá das fixadas nas ordenanzas municipais e na lexislación vixente. Desta politica téñense beneficiado asociacións, particulares e formacións políticas, establecendo para todos os mesmos criteiros de uso.
Polo antes exposto, o Concello de Carral considera unha grave e equivocada afirmación asegurar que se lle nega un espazo público a unha organización cando é falso e contrario ás intencións dos responsables desta administración. E considera que na disputa política que haberá con motivos das eleccións municipais, non se poden facer este tipo de acusacións, nas que se ven implicados ademais os traballadores e traballadoras desta administración local, que en todo momento teñen demostrado imparcialidade e profesionalidade para colaborar con toda clase de organizacións que precisan dos recursos públicos municipais.