A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CARRAL CELEBRA O DÍA DO LIBRO

Contacontos 26 abril 2018.Un ano máis, a Biblioteca Municipal está a celebrar durante todo o mes de abril o Día do Libro.

Coa intención de achegar os libros ós máis cativos do Concello, visitaron a biblioteca os nenos e nenas da escola infantil “A Galiña Azul,” que coñeceron de primeira man, o fondo bibliográfico destinado específicamente para eles e que se atopa  na Biblioteca Infantil.

Agardamos tamén a visita do alumnado de educación infantil do CEP Vicente Otero e da escola unitaria de Tabeaio, que o día 24 de abril achegaranse á biblioteca municipal, nesta ocasión para gozar  dunha sesión de contacontos  realizado pola Compañía do Trinketrinke.

O día 26 de abril, volve a compañía do Trinketrinke para presentarnos o seu contacontos teatral “ Avós”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Será na biblioteca pública municipal ás 18:00 horas. As invitacións estarán dispoñibles dende o luns 23, na Casa da Cultura e na Biblioteca Infantil.

Durante este mes, comeza tamén a VII campaña Libros Solidarios que se extenderá dende o 23 de abril ata o 10 de maio e na que todos os interesados poderán entregar en calquera das bibliotecas ( Casa da Cultura ou Infantil ) libros usados en bo estado.

A finalidade desta campaña é que durante a Festa do Pan ( que se celebrará na nosa localidade os días 12 e 13 de maio), estes libros donados previamente se cambien por alimentos non perecedeiros. Todo o material  recollido serán xestionados polos Servicios Sociais Municipais.

Lembrar tamén que ó longo destes días todos os usuarios que visiten as nosas bibliotecas terán a oportunidade de levar para a súa casa como agasallo, algún dos libros que están á súa disposición tanto na Biblioteca Municipal como na Biblioteca Infantil.