A ESCOLA DE APODERAMENTO FEMINISTA DE MULLERES DO RURAL ATERRARÁ EN CARRAL OFRECENDO VARIAS SESIÓNS FORMATIVAS
A Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural (EspadELA) aterrará en Carral. Farao por medio da organización de varias sesións formativas que se levarán a cabo en outubro. O programa incluirá a celebración de varios obradoiros nos que se traballarán cuestións como a prevención das violencias machistas, o liderado, o autorecoñecemento e a autoestima, entre outras. A concelleira de Igualdade, Mercedes Caridad, sinala a “importancia” desta iniciativa, coa que se busca “estimular a creación dunha rede de sororidade e recoñecemento feminino no municipio que contribúa a mellorar as condicións de vida das veciñas de Carral”.
O proxecto EspadELA está financiado integramente pola Deputación da Coruña e chegará a Carral despois de terse desenvolvido xa nos seguintes municipios: Arzúa, Ordes, Betanzos, Moeche, As Pontes, Valdoviño, Cabanas, Teixeiro ou Sobrado dos Monxes.
No caso de Carral, as actividades terán tres liñas formativas: ‘Con voz propia’, un obradoiro para traballar arredor da autoestima, a participación, o liderado e a prevención das violencias machistas; ‘Habitando o noso corpo’, para tratar o autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional; ‘Os nosos saberes’, para recuperar e poñer en común os coñecementos e experiencias das mulleres sobre os traballos que desenvolveron durante a súa vida, así como do territorio que habitan.
Os encontros formativos terán lugar os martes de outubro, de 16.00 a 18.00 horas, no Toñito Espiñeira. As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o vindeiro luns, 3 de outubro. Para formalizar a praza deberán chamar aos teléfonos 619 457 324 ou 649 509 806 ou enviar un correo a dolores.fernandez@carral.es.