ÁNGELA TRIANA PECHA OS VENRES DE MONÓLOGO
Ángela Triana actuará na última sesión dos Venres de Monólogo, o 6 de outubro, ás 21:00 h. no edificio social Toñito Espiñeira.
Poucas son as mulleres que se adican a isto do humor, pero Ángela Triana é unha das cómicas máis emerxentes da escea galega, cun monólogo fresco e dinámico no que fala sobre a súa infancia e xuventude. Risas aseguradas.
O delirio cómico comeza cando Ángela laméntase de non ter “aldea” como o resto dos seus compañeiros e compañeiras de infancia. Algo imperdoable na Coruña dos 80 e 90. Despois da súa infancia cóntanos como afrontou a súa xuventude e agora a transición á vida adulta, coa cantinela que ten que escoitar todos os días de que se lle vai pasar o “arroz”. Fálanos desas conversas coas súas amigas xa “mamás” e dos seus fillos “listísimos” e dunha manchea de situacións embarazosas que lle toca vivir a unha muller que chega ós 30.
Con Ángela Triana remata a cuarta edición dos Venres de Monólogo, organizado pola Concellería de Cultura, e no que tomaron parte Cándido Pazó, Lois Pérez e Celso Fernández Sanmartín. Co éxito acadado en todas as funcións, consolídase este ciclo na programación cultural municipal anual.