AS PEQUENAS E GRANDES HISTORIAS DE CARRAL SAEN A RELUCIR ESTE SÁBADO NO PROGRAMA ‘ANACOS DE VIDA’ DA TVG

Este sábado, 16 de novembro, a partir das 18:50 horas, emitirase o programa da TVG ‘ Anacos de Vida’ centrado en Carral, na súa historia, a súa tradición e as súas xentes.
En ‘ Anacos de Vida’ percorren Galicia buscando as pequenas e grandes historias que hai detrás das mellores fotos antigas. En cada capítulo interactúan os maiores, que saben as historias que alberga cada imaxe, cos máis novos do municipio, que buscan este tipo de historias.
Este sábado ‘Anacos de Vida’ visitará Carral para descubrir por que o pan de Carral é único no mundo, á vez que coñecerán as fermosas historias de vida que hai ao redor dos panadeiros.
Ademais, participarán nunha homenaxe aos Mártires de Carral acompañando a Anxo Gómez e aos seus alumnos e alumnas nos preparativos desta festa. Ao longo do programa os máis pequenos tamén levarán a cabo unha investigación para descubrir a historia que se esconde detrás dunha foto misteriosa.