CARRAL ACOLLE A 10ª PROBA DA COPA GALICIA DE CICLOCRÓS
290 ciclistas chegados de todos os puntos de Galicia, e tamén de Asturias e León, mediranse no circuíto da parroquia carralesa de San Vicente de Vigo.
Este domingo celebrarase o I Ciclocrós Concello de Carral, 10ª proba da Copa Galicia de Ciclocrós que se desenvolve ao longo de toda a xeografía galega desde outubro a decembro.
A proba ciclista, abalada e convocada pola Federación Galega de Ciclismo, está organizada pola Pena Ciclista Monte Xalo coa colaboración do Concello de Carral. Son case 300 os corredores inscritos nas diferentes categorías (desde cadete a máster) e de diversas procedencias (Galicia, Asturias e León). A proba desenvolverase nun circuíto de máis de 2 km, habilitado no lugar de Taramuño – San Vicente (parroquia de Carral) entre as 10.00 h e as 13.15 h
Entre os favoritos á vitoria, atópase Andrés Calvete Candal (Máster 30), membro do club organizador e vencedor das 9 probas anteriores e que, salvo sorpresa, volverá subir todo o máis alto do pódium este domingo á 13.15 h, momento no que se fará entrega dos premios aos tres mellores corredores de cada categoría.
Para o correcto desenvolvemento da proba, desde o concello de Carral atendendo á seguridade do espectáculo, estableceu o peche das estradas periféricas ao circuíto, facilitando o tránsito a pé dos deportistas e espectadores. Unha vez terminada a proba deportiva restablecerase o tránsito normal de vehículos.