CARRAL CELEBROU A SÚA XVIII EXHIBICIÓN DE PATINAXE ARTÍSTICA
A Concellería de Deportes contou coa participación de 9 clubs/escolas e un total de 195 patinadores.
O pavillón de Espiño de Carral acolleu o domingo 15, unha nova edición da Exhibición Municipal de Patinaxe Artística organizada polo Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia. Comezou ás 17.00 h e rematou sobre as 18.45 h., momento no que todos os participantes recibiron un agasallo conmemorativo do evento.
Nesta cita deportiva, puidemos contar coa presenza de 9 clubs, colexios e escolas deportivas municipais de patinaxe de diversos puntos da xeografía coruñesa; Colexio Brexo Lema (de Cambre), o club Velúa, o club Raiola (Ferrol), o club Inercia (Narón), …, e por suposto o club Alquimia e a escola deportiva municipal de Carral. En total reuníronse 195 patinadores de idades comprendidas entre os 4 e 21 anos e moitos máis acompañantes (ao redor de 450 espectadores). As patinadoras amosaron as súas habilidades sobre as oito rodas o longo das 15 actuacións das que constou o certame. En primeiro lugar foron as máis pequenas as que demostraron as súas aprendizaxes nestes meses de adestramento. Tomáronlles o relevo as patinadoras infantís e por último amosaron as súas destrezas as “veteranas” da especialidade.
Tamén temos destacar e agradecer, por parte do C. P. Alquimia de Carral, a presenza de patinadoras de 1ª categoría nacional, como Enya Rodríguez. Do mesmo club, tamén puidemos gozar do grupo Show Xuvenil (5ª no campionato galego), e da parella sub-campioa galega de danza, formada por Brais Cano e Sabela Santiso. Estes deportistas de talla nacional mostraron unha pequena parte da súa mestría no deporte do patín para motivar e alentar aos novos patinadores con actuacións que, ao mesmo tempo, entusiasmaron ao público asistente.
Ao terminar o evento, o edil responsable da área deportiva municipal, Rubén Regueira, fixo entrega dunhas medallas conmemorativas a todos os participantes e, ás adestradoras convidadas, duns ramos de flores como agradecemento ao enorme esforzo mostrado na preparación destes grupos.