CARRAL ENCARA A SEGUNDA SEMANA DOS SEUS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS CON 130 NENOS INSCRITOS

A conciliación da vida laboral e familiar é unha prioridade en Carral. Un obxectivo que se cumpre grazas aos campamentos que o Concello organiza durante a época estival. Agora mesmo, están en marcha os deportivos que contan, na súa segunda semana, coa participación de 130 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos.

Como en convocatorias anteriores, esta edición ofrece cun horario ampliado para favorecer, aínda máis, a conciliación das familias do municipio. Deste xeito, as persoas solicitantes tiveron a posibilidade de solicitar o servizo de Mañanceiro e o de xantar, garantindo a atención dos pequenos e pequenas desde as 7.30 ata as 16.00 horas.

Unha vez rematados os deportivos, continuarase coas dúas quendas restantes, que se desenvolverán ata o mes de setembro. Os English Sport Camp levaranse a cabo entre o 17 de xullo e o 4 de agosto e o de Deportes e Natureza celebrarase entre o 7 de agosto e o 1 de setembro.