CARRAL INICIA OS TRABALLOS PARA CUBRIR AS PISTAS DE PÁDEL DO COMPLEXO DEPORTIVO
O Concello de Carral acaba de iniciar os traballos para cubrir as pistas de pádel do Complexo Deportivo. As actuacións arrincaron esta semana e, con elas, o Concello busca que os veciños e veciñas do municipio poidan darlle un maior uso a estas instalacións. As obras están cofinanciadas con fondos municipais e do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos con cargo aos fondos europeos dos programas Leader e Feder. O orzamento total do proxecto ascende a preto de 52.000 euros.
O proxecto contempla a realización dunha cubrición das dúas pistas consistente nunha cuberta de chapa grecada con curva autoportante e sustentada por alicerces metálicas e vigas en todo o perímetro. Desta forma, o corredor que separa ambas as pistas quedará tamén resgardado. Con todo, e para incrementar a funcionalidade da dependencia, o novo equipo de goberno incluíu, ademais, a instalación de iluminación nas pistas, que incrementará en preto de 2.000 euros o importe do proxecto. Con este engadido, o espazo poderá utilizarse, non só con condicións meteorolóxicas adversas, senón tamén durante un maior número de horas ao día.
Ademais de incrementar o uso nestas instalacións, o proxecto servirá para mellorar as condicións de durabilidade deste espazo deportivo.
Actualmente, os traballos están a ocupar as dúas pistas de pádel, polo que permanecerán temporalmente pechadas ata, aproximadamente, o 15 de outubro, data na que se prevé que finalicen as obras.