CARRAL PREPARA A XVII EXHIBICIÓN MUNICIPAL DE PATINAXE ARTÍSTICA

 

A Concellería de Deportes conta con 11 clubs/escolas inscritos e ao redor de 220 deportistas.  

SONY DSCO pavillón do Espiño acollerá o sábado 9 de abril, unha nova edición da Exhibición Municipal de Patinaxe Artística. Este acto, que está organizado polo Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia,  comezará ás 17.00 h e terminará ao redor das 19.30 h.

Nesta clásica cita da patinaxe da comarca, está prevista a presenza de 11 clubs, colexios e escolas deportivas municipais (club Anca (Lugo), club Conxuro (Laracha), o club Raiola (Ferrol), Brexo Lema e Sigrás (ambos de Cambre),  a Escola Lubiáns (Carballo), club Patiart de Coristanco, a escola municipal de Abegondo, a escola municipal de Mesón do Vento,  club Alquimia de Carral e a escola deportiva municipal de Carral, que reunirán a uns 220 patinadores de todas as idades.

Doutra banda, a concellería está a ultimar os preparativos para a realización dos próximos eventos deportivos; o II Torneo de Ximnasia Rítmica de Carral e o Certame anual de Ximnasia Rítmica, que terán lugar o próximo 30 de abril durante todo o día tamén na mesma instalación e na que se espera contar coa presenza de ao redor de 200 nenas; e o acto de Clausura do curso 2015/2016 das Escolas Deportivas, Culturais e Educativas Municipais que terá lugar o próximo 28 de maio.

Todas estas actividades continúan o programa de promoción e fomento do deporte que o Concello de Carral, mediante o seu departamento de deportes, está a desenvolver durante este ano 2016. Con este programa deportivo, a autoridade municipal pretende potenciar a práctica deportiva no termo municipal e en especial entre un sector da poboación tan sensible como é o infantil..

Para  máis  información,   os  interesados poden dirixirse á Casa  da  Cultura de Carral    ou no teléfono  981 672580.