CARRAL PREPÁRASE PARA A 2ª QUENDA DOS CAMPAMENTOS, QUE COMBINARÁN O DEPORTE E A APRENDIZAXE DUN NOVO IDIOMA

Coa vista posta no impulso de medidas que favorezan a conciliación das familias, Carral xa está preparado para o inicio da 2ª quenda dos campamentos deportivos de verán. Nesta ocasión, o Concello levará a cabo o English Sport Camp, coa que combinarán o deporte e a aprendizaxe dun novo idioma. A proposta terá lugar entre o 27 de xullo e o 14 de agosto.

Ao longo desta segunda quenda, os nenos e nenas -de entre 3 e 15 anos- participarán en actividades multideporte, socioculturais, en excursións e en accións de inmersión lingüística.

O prazo de inscrición rematará este venres, 24 de xullo. As persoas que precisen máis información poderán chamar ao teléfono 981 67 25 80 ou enviar un correo a casadacultura@carral.es.

Protocolo de seguridade

O Concello reforzou, este verán, a súa aposta polas actividades e medidas de conciliación. Como explican desde o goberno local, “considerabamos necesario reforzar as actividades de conciliación pero na situación actual, a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade. Por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.

Estas actividades estanse a levar a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional co fin de cumprir coas distancias de seguridade. Para acceder a estes recintos, os participantes teñen que desinfectar calzado e mans e someterse, así mesmo, á medición da temperatura.

Os cativos e cativas maiores de 6 anos deben empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os presenten algunha patoloxía que impida este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, deben levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas están separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.

Boletín de inscrición English Sport Camp

Cartel English Sport Camp