CARRAL RECUPERA A SÚA FESTA DA EMPANADA TRAS DOUS ANOS DE PARÓN COA PREVISIÓN DE VENDER 12.000 RACIÓNS

Tras dous anos de parón pola covid-19, Carral recuperará este mércores, 7 de setembro, a súa xa tradicional Festa da Empanada. Nesta corenta e sete edición, as previsións do Concello e dos panadeiros son alcanzar e mesmo superar as cifras de venda do 2019, cando se despacharon 12.000 racións desta elaboración. Así o indicaron o alcalde, Javier Gestal, e os representantes das panadarías participantes este ano: Panadería Manuel Rodríguez, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.

O evento gastronómico, que comezará o mércores a partir das 18.30 horas, supoñerá o pistoletazo de saída das festas en honra á virxe do Socorro.

Durante a presentación do evento, o rexedor celebrou “o regreso” da Festa da Empanada, que describiu como “unha cita xa consolidada tanto para os carraleses e carralesas como dentro da programación estival na comarca”. Gestal incidiu en que a celebración non podería levar a cabo “sen o enorme esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.

Nesta edición, a ración de empanada custará 4 euros. No caso das variedades de polbo e zamburiñas, o prezo será de 6 euros. O prezo incluirá viño por cortesía dos artesáns. As panaderías terán tamén á venda elaboracións doces.

Ambientación musical

Boa comida, pero tamén boa música. Están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Grupo de Baile O Rueiro de Tabeaio, Os Viqueiras de Ordes, o Grupo Tradicional Arnela e o Grupo de Gaitas Catalmibre. Pola noite, o inicio das festas do Socorro estará amenizado pola orquestra París de Noia e Los Coleguitas.