CARRAL RENDE HOMENAXE A FINA SEDES, PROFESORA DA ESCOLA MUNICIPAL DE TEARES E TAPICES DURANTE 30 ANOS
O Concello rendeu onte homenaxe a Fina Sedes Freire, profesora da Escola Municipal de Carral de Teares, Tapices e Macramé durante as tres últimas décadas. Fíxoo coincidindo coa inauguración dunha nova exposición na que se recolle, precisamente, parte do traballo realizado durante as distintas sesións formativas desta actividade municipal. Ao acto inaugural asistiron o alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo, unha ampla representación do alumnado de Fina Sedes, así como os seus amigos e familiares.
Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor “a vocación didáctica” de Sedes Freire, que quedou patente na devoción amosada polo seu alumnado e entregoulle, ademais, un agasallo institucional en nome de todo o Concello.
Ademais de mestra na Escola de Carral, Fina Sedes e o seu marido, Xabier Rodríguez, son os fundadores Tapices Galicia. O obradoiro ten máis de corenta anos e está especializado na confección de tapices de alta calidade.
A colección do Concello reúne unha ampla variedade de artigos elaborados polo alumnado durante as clases do curso 2023-2024. Entre eles, atópanse tapices de parede, vasos, floreiros e lámpadas ornamentais que locen estes tecidos, prendas de roupa e mesmo pulseiras. As persoas interesadas poderán visitala na Casa da Cultura (Colección Museográfica do Castro das Travesas) ata o 10 de xullo en horario de mañá.