CARRAL REUBICARÁ OS POSTOS DA FEIRA A SÚA ANTIGA LOCALIZACIÓN E XA TRABALLA NUNHA REVISIÓN DA ORDENANZA
Ante as dúbidas trasladadas, nos últimos días, polos veciños, veciñas e feirantes, o Concello trasladará os postos da feira municipal á súa antiga localización a partir deste sábado, 4 de novembro. O goberno avanza que esta modificación se levará a cabo de forma temporal e que se está traballando xa nunha revisión da ordenanza, de 2011, para regular o lugar de celebración dos mercados e tamén as taxas e características dos postos.
Desta forma, o Concello volverá situar as casetas de venda no propio Campo da Feira, na rúa Belvís de Paleo e na rúa Víctor Velasco. Os de alimentación continuarán centralizados no Campo da Feira e, en concreto, manteranse no sitio que se lles asignou no pasado 29 de outubro.
Como explican desde o equipo de goberno, a disposición nestas tres rúas terá un carácter temporal ata que se conclúa a modificación da ordenanza reguladora de mercados municipais.
O cambio farase seguindo o criterio trasladado pola secretaria municipal e co fin de atender as demandas “dos veciños e veciñas e tamén dos propios feirantes”, apuntan desde o equipo de goberno.