,

CARRAL TRANSMITE A CREATIVIDADE Á MOCIDADE DO INSTITUTO DA MAN DO CICLO ELAS SON ARTISTAS

Carral está a participar na VI edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na música e nas artes, Elas Son Artistas. Desde as Concellerías de Cultura e Igualdade estase a apostar por realizar estas actividades en colaboración co IES de Carral.

En plena celebración do vinte aniversario da súa carreira, a cantante e compositora, Silvia Penide, está a impartir un obradoiro de creación de cancións nas propias instalacións do centro educativo. Con esta actividade preténdese incentivar a creatividade e dotar ás persoas asistentes de ferramentas para crear cancións e textos, mesmo sen saber música dun xeito regrado. 

Como peche do obradoiro, o vindeiro día 20 de novembro, todo o alumnado do centro recibirá a visita doutra artista galega, Leticia Rey. Acompañada do pianista, Iago Mouriño, a cantautora conversará co alumnado sobre o seu proceso creativo e ofrecerá unha actuación musical na que tamén estará Slivia Penide e poderán escoitarse as cancións creadas durante as sesións do obradoiro.

Desde a organización de Elas Son Artistas sinalan que este tipo de actividades diferentes encaixan na filosofía do ciclo, xa que un dos obxectivos e achegar a arte á xente nova e darlle a oportunidade de estar preto de mulleres referentes neste caso no ámbito da música.

As persoas que estean no taller entrarán a participar no sorteo de entradas para o concerto de Alice Wonder no Teatro Colón, o acto co que se pechará esta sexta edición deste ciclo pola igualdade, nun mes no que a loita contra a violencia machista está moi presente e resulta máis necesaria que nunca.