CARRAL VOLVERÁ SER ESCENARIO PARA 9 FUNCIÓNS TEATRAIS DE DIFERENTES XÉNEROS

O teatro volverá ter un enorme protagonismo na programación cultural dos vindeiros meses. Da man do ciclo Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio será o escenario no que se representarán un total de nove funcións de diferentes xéneros. O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, sinala o compromiso do goberno local co programa, “que colleita, ano tras ano, un maior número de persoas asistentes”. Nesta edición, o calendario terá unha maior presencia de compañías locais. Deste xeito, tres das nove funcións correrán a cargo de agrupacións teatrais de Carral. As funcións levaranse nos meses de outubro, novembro e decembro no local Xente Nova de Tabeaio. En todos os casos, a hora prevista para o inicio da actividade será ás 20.30 horas.

Un alto en el camino, de Dinamia Teatro, será a obra inaugural do ciclo de outono (6 de outubro ás 20.30 horas). Neste caso, trátase dunha peza sobre o Camiño de Santiago na que se conta a historia de tres peregrinos que coinciden nun pobo. Alí, atoparán unha mochila chea de cartos e será entón cando teñan que conxugar os seus desexos de quedar co diñeiro cos seus valores propios e os que infunde esta ruta xacobea.

A agrupación Formiga Teatro será a seguinte en subir ao escenario. Farao o venres, 13 de outubro, con Alén, na que se narra a viaxe (física e espiritual) que realizan dous irmáns despois de que a súa nai fine.

Códice K, de Ainé producións, representarase o 20 de outubro. Nesta obra relataranse as investigacións, sospeitas e interrogatorios arredor da desaparición, entre o 2011 e o 2012, do Códice Calixtino.

De Ste Xeito Producións tomará o relevo coa interpretación de Backup a resurrección de Nuno o venres, 27 de outubro. Tal e como a define a propia compañía, é unha comedia post mortem na que se fala sobre unha posibilidade propia da ciencia ficción: que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado?

Relato para un incendio será a proposta coa que aAntena aterrará no municipio (3 de novembro). A obra parte de dous sucesos verídicos: os estudos antropolóxicos de Gustav Henningsen na procura dos últimos vestixios da bruxería en Galicia e os incendios provocados por unha veciña de Cerceda no 2016. A actriz, Isabel Risco, formará parte do elenco desta función.

Non é o que parece, da Tropa do Rueiro de Tabeaio, tomará a remuda o venres, 10 de novembro. A obra é un auténtico lío de saias e pantalóns no que Paco, Sabela, Marta e Jorge serán os protagonistas.

Charamusca Teatro de Carral dará tamén a coñecer Amor amor Carral (17 de novembro). Trátase dun espectáculo sobre curiosas relacións no municipio por parte de personaxes recoñecibles.

Unha terceira compañía local, Teatro Arroutada de Carral, chegará coa súa obra Os cabaleiros prefírenas brutas (24 de novembro). Nela, dúas voces femininas contarán ao público o que desexan, o que soñan ou o que se lles nega.

O ciclo de Teatro de Outono concluirá con Hugo, dos Náufragos teatro (1 de decembro). O protagonista é Hugo, un rapaz con Trastorno do Espectro Autista ao que lle gustan moito os avións e tamén contar o piano.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.