Carral involucrará, de novo, á comunidade educativa na loita contra a violencia de xénero. Coincidindo con 25N, o Concello levará a cabo un completo programa para conmemorar esta xornada coa colaboración do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. As actividades terán lugar no Toñito Espiñeira desde as 12.00 horas.

Por un lado, o Concello inaugurará unha exposición fotográfica cedida polo colexio Juan Pablo I de Valderrubio de Granada. A mostra está conformada por fotografías realizadas polo alumnado do centro de ensinanza e, nela, aparecen capturados os distintos tipos de violencia que sofren as mulleres. A mostra poderá visitarse no edificio social Toñito Espiñeira ata o 16 de decembro.

A programación incluirá, ademais, a lectura dun manifesto por parte de varios estudantes do Vicente Otero e do IES de Carral. Así mesmo, presentaranse dúas iniciativas feitas polos propios rapaces e rapazas para conmemorar esta xornada. Por unha banda, cada clase do Vicente Otero personalizou un zapato vermello (símbolo da violencia de xénero) como homenaxe ás vítimas desta lacra social. Pola outra, o alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º da ESO do IES de Carral, o equipo docente e o resto de persoal do instituto elaboraron un vídeo no que nomean ás máis de 40 vítimas da violencia de xénero en España ao longo do 2022. O programa pecharase coa realizació dun minuto de silencio.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Caridad, sinala que a “educación continúa sendo unha poderosa ferramenta para previr a violencia machista, polo que consideramos fundamental implicalos desde moi novos para previr calquera tipo de violencia.

Impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta de Carral. Eses son os obxectivos que o goberno local se propón conseguir co lanzamento doutra edición do Concurso de Tapas. Baixo o nome Tapeando Carral, a iniciativa volve con case o dobre de establecementos hostaleiros participantes: pásase dos nove da pasada convocatoria aos 17 que concorrerán nesta terceira edición. Desde o goberno local confían en que a iniciativa “teña unha boa acollida e sirva como revulsivo para atraer a máis visitantes ao municipio, promovendo así o consumo nos establecementos e dándolle máis vida ao pobo”.

Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes locais das parroquias de Tabeaio, Sergude, Carral, Cañás e Beira: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Taberna Siglo XXI, O Pincho, Bodega O Alprende, O Piolindo, Bar Roel, Lume e Ferro, A Rotonda, O Lareiras, Cervecería P3, O Caravel, O Betanceiro, A Parola e Costa da Egoa.

O concurso levarase a cabo entre o venres, 2 de decembro, e o domingo, día 4. Ao longo deses días, o público poderá degustar as tapas propostas entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas.

Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios. O sorteo terá lugar o luns, 12 de decembro, a partir das 9.00 horas. Nesta edición, concederase un primeiro, un segundo e un terceiro premio en función da porcentaxe de selos acadados pola persoa.

O concurso realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Grupo Bodegas Olarra e Exclusivas Rivas Suárez.

Concello de Carral súmase, un ano máis, á campaña De Fronte da Deputación da Coruña.

A iniciativa lévase a cabo con motivo da conmemoración do 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As actividades que forman parte da programación teñen como obxectivo concienciar e sensibilizar en materia de violencia de xénero.

 

No concello de Carral haberá que aplicar, por un período de un mes, medidas de restricións fronte a gripe aviaria, entre outras:

  • A cría de aves de curral ao aire libre. As aves deben estar en instalacións pechadas a cuberto.
  • Evitar o contacto das aves de curral con aves silvestres e outros animais.
  • Non subministrar ás aves auga e penso que estea en contacto co exterior

Máis información, no servizo de medio ambiente do concello ou no teléfono 981 67 00 02.

Bando gripe aviaria

O Concello de Carral organiza unha nova edición do Concurso de Tapas destinado aos establecementos de hostalería do municipio.

O prazo para inscribirse será do 8 ao 11 de novembro.

Para consultar as bases e o xeito de inscribirse preme aquí.

 

O alcalde, Javier Gestal, celebra que a corporación “entrara en razón” e aprobase destinar a maioría do POS+Adicional a gasto corrente. Seguindo as recomendacións da Intervención municipal, o goberno local propuxo, no pleno extraordinario de hoxe, dedicar a totalidade dos fondos provinciais (118.025,18 euros) a gasto corrente. Con todo, o PSOE presentou unha emenda que, finalmente, se aprobou co voto favorable de Alternativa dos Veciños e coa abstención do PP. Da cifra total, a emenda expuña usar o 59,07% a gasto corrente (69.727,14 euros), mentres que o 40,93% restante (48.298,25 euros) se investiría na renovación da rede municipal de iluminación con tecnoloxía LED na CP-2013 en Sergude.

Gestal celebra que a corporación “fixese caso, aínda que de xeito parcial, ás recomendacións do departamento de Intervención e do requirimento da Deputación dá Coruña, no que nos concedían dez días para aprobar a proposta en pleno”. O alcalde sinala que “o ideal sería ter seguido ao 100% as recomendacións do departamento e dedicar os fondos provinciais a gasto corrente pero, pola nosa parte, o que non podiamos nin queriamos era perder esta contía”.

O rexedor lamentou, iso si, “o desinterese e a actitiude inmobilista do PP, algo que deixou claro coa súa abstención. Cremos que o sentido do seu voto pon de manifesto que non ten interese na execución do saneamento de San Vicente de Vigo nin no proxecto de Sergude”. En canto ao primeiro dos proxectos, a execución da 2ª fase para dotar de saneamento a San Vicente de Vigo, Gestal sinalou que a intención “é incorporar estas obras no seguinte POS da Deputación, xa que para nós estas actuacións son unha prioridade”.

Como o rexedor explicara no seu momento, a aprobación deste punto era “esencial para facer fronte aos gastos de funcionamento dos servizos de subministración de auga potable, da rede de sumidoiros, limpeza viaria, recollida domiciliaria de lixo, iluminación pública, mantemento dos accesos aos núcleos de poboación e aqueles vinculados ao funcionamento dos servizos obrigatorios do Concello. Sería máis doado dedicar esta cantidade á execución de novas obras, pero temos que ser conscientes e consecuentes coa situación que estamos a vivir”.

Co fin de achegar o deporte ao maior número de veciños e veciñas e de dar a coñecer os servizos e instalacións municipais, a matrícula no Complexo Deportivo de Carral será gratuíta entre os meses de novembro e xaneiro. Así o confirma o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, que confía en que esta medida sirva para “impulsar o número de inscricións na instalación municipal”.

A maiores desta iniciativa, as persoas socias do Complexo poderán asistir ás clases dirixidas (tonificación, zumba, circuit T, aerobox, GAP, etc.) de xeito gratuíto e desfrutarán de descontos no aluguer das pistas de pádel. Ademais, os usuarios e usuarias desta instalación poderán aforrar unha cota se traen a un amigo ou amiga.

Tras finalizar o proceso de acendido de novas estacións de telefonía móbil no noso concello o día 30 de setembro de 2022 finaliza o plazo para solicitar a atención gratuíta das incidencias que se produciran con tal motivo.

O número de atención para informar de tales incidencias é o 900 83 39 99.

Estimular as compras nas feiras municipais. Ese é o obxectivo que o goberno local de Carral aspira conseguir con Vermufeira, un programa que ofrecerá sesións vermú en coincidencia cos mercados do último domingo do mes. Trátase dun proxecto piloto que se probará, por primeira vez, na cita do domingo, 30 de outubro, e que se aplicará nas feiras dos vindeiros meses.

O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e a concelleira de Comercio, Mercedes Caridad, confían en que esta medida sirva como “impulso para incrementar a participación nos mercados e, polo tanto, para estimular as compras nos postos da feira e no comercio local”.

A primeira sesión vermú terá lugar o domingo, 30 de outubro, a partir das 13.30 horas. Ese día, terá lugar a actuación do cantante e compositor, Ángel Habana. Ademais da animación musical, xa desde as 12.00 horas, as persoas que se acheguen a Carral poderán degustar polbo e orella á feira, así como churrasco.

Carral teno xa todo preparado para vivir as festas do Magosto e do Samaín por todo o alto. A cita terá lugar o sábado, 29 de outubro, no Campo da Feira, e ofrecerá alternativas de lecer para veciños e veciñas de todas as idades. Deste xeito, haberá xantar, actuacións musicais e unha festa con diferentes alternativas de lecer para a rapazada.

A xornada arrincará a partir das 14.30 horas co xantar, composto polo seguinte menú: empanada, mexillóns, lacón asado, sobremesa e café. A comida estará amenizada pola actuación musical de Ivan Van Band.

A festa de Samaín comezará en horario de tarde, prolongándose entre as 17.00 e as 20.00 horas. Durante ese período haberá obradoiros de maquillaxe e de zonchos, cucuruchos de castañas, inchable interactivo zombie, etc. A cita incluirá a representación do conxuro da queimada e outras moitas sorpresas. Na xornada haberá tamén un castañeiro.

As prazas para a comida son limitadas, polo que as persoas que desexen asistir deberán reservar a súa praza no teléfono 981 67 25 80. O período de inscrición estará aberto desde mañá, mércores 19 de outubro, ata o día 27.