Logo de aprobarse inicialmente e ser exposto para consulta pública, en cumprimento do establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPACAP en adiante), o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Carral foi aprobado definitivamente mediante acordo adoptado en sesión plenaria celebrada en data 8 de febreiro de 2022. O devandito Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Carral está dispoñible para consulta en formato papel no Concello, en horario de oficina (luns a venres, de 9:00 horas a 14:00 horas), e na sede electrónica do Concello (https://sede.carral.es).
A Xunta de Galicia abriu a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística a convocatoria para os cursos gratuítos de lingua galega para obter os certificados Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
Estas formacións realizaranse con carácter presencial ou en liña e están dirixidas ás persoas maiores de 16 anos interesadas en preparar as probas. Para inscribirse é necesario acceder á web https://formacion-lingua.xunta.gal. O prazo remata o 7 de marzo.
Cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos presenciais, as sesións serán de dúas horas e media de luns a xoves. Se fora necesario suspender algunha clase por coincidir cun festivo local ou por outra circunstancia, esta recuperarase máis adiante.Todas as leccións darán comezo o 21 de marzo.
Acceso á orde completa do Diario Oficial de Galicia: https://bit.ly/3oPpdQ9
Carral volverá festexar o seu Entroido de xeito presencial. Farao mediante a organización dun concurso e dun desfile de disfraces e de obradoiros infantís relacionados con esta festividade. A cita terá lugar o domingo, 27 de febreiro, no Campo da Feira.
O Concello organizará concurso infantil de disfraces (para nenos e nenas de 0 a 12 anos), individuais e por parellas (para maiores de 13 anos e, por último, en grupos (que deberá estar formado por un mínimo de cinco persoas).
Uns 2.000 euros en premios
O Concello repartirá uns 2.000 euros en premios entre todas as categorías. No caso dos disfraces infantís, recibirán agasallo os cinco nenos e nenas que vistan as súas mellores galas entroideiras.
A maiores, o Concello outorgará outros nove premios entre as modalidades individual, por parellas e en grupo. Os galardóns serán os que a continuación se indican:
Categorías individual e por parellas:
1º premio: 150 euros
2º premio: 100 euros
3º premio: 50 euros
Categorías por grupos:
1º premio: 500 euros
2º premio: 300 euros
3º premio: 200 euros
As persoas participantes no concurso tomaran parte no desfile, que arrincará o 27 de febreiro, ás 18.15 horas, no Campo da Feira. Desde este punto de partida, a comitiva pasará polas rúas Víctor Velasco, Manuel Ferrol, Paraíso e pola Avenida dos Mártires para chegar, de novo, ao Campo da Feira. Unha vez remate o percorrido, un xurado encargarase de elixir aos reis e raíñas deste Entroido. Para tomar a decisión, o tribunal terá en conta aspectos como a orixinalidade, a simpatía, o vestiario e a maquillaxe das persoas participantes.
Durante a xornada tamén haberá obradoiros de Entroido, de 16 a 18 horas. O toque musical correrá a cargo unha charanga, que se encargará de amenizar a tarde entroideira.
O prazo de inscrición estará aberto desde o vindeiro luns, día 14, ata o 25 do mesmo mes. As persoas que precisen máis información poderán contactar coa Casa da Cultura no teléfono 981 67 25 80 ou no correo casadacultura@carral.es.
- Co fin de facer o proceso máis democrático, serán os veciños e veciñas os que elixirán cos seus votos quen é a gañadora do galardón.
- As persoas interesadas poderán participar nesta iniciativa ata o 28 de febreiro a través da app ‘Cuida Carral’.
Ante o éxito acadado na edición inicial, o Concello porá en marcha a segunda entrega do Premio 8 de marzo, un galardón co que o goberno local busca cumprir un claro obxectivo: darlle visibilidade e pór en valor o papel das mulleres do municipio. Baixo esta premisa, o goberno local busca crear un espazo público de recoñecemento ás mulleres de Carral pola súa contribución en diferentes ámbitos -persoal, social ou profesional-.
Este ano, co fin de facer o proceso máis democrático, o Concello eliminou a figura do xurado, que si estaba presente na primeira edición. Deste xeito, serán os veciños e veciñas os encargados de propoñer ás mulleres e, ademais, elixirán á gañadora do premio 8 de marzo cos seus votos. A candidatura que máis apoio será a gañadora e, polo tanto, a que reciba o galardón.
Como novidade con respecto ao primeiro ano, o Concello introduciu tamén unha importante novidade para simplificar o proceso de presentación de candidatas: nesta segunda edición, a veciñanza poderá facelo a través da app ‘Cuida Carral’, ferramenta pola que poderán, ademais, escoller a súa proposta favorita. Para participar e achegar a súa proposición, os usuarios e usuarias deberán indicar o nome da muller e o motivo da súa elección. O prazo de presentación e votación rematará o 28 de febreiro ás 23.59 horas.
Como broche final de esta iniciativa, realizarase unha homenaxe en recoñecemento á elixida coincidindo coa celebración dos actos institucionais polo Día da Muller.
O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de lanzar a convocatoria dunha nova edición do seu certame de poesía, que está dotado con 3500 euros e a publicación do libro gañador en Edicións Espiral Maior.
Neste ano 2022 chégase ás 25 edicións, sendo un dos concursos de referencia no ámbito da poesía galega.
Esta edición do premio fixa un prazo para presentar exemplares aberto ata o 7 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 10 de xuño no mesmo acto de presentación da edición do libro gañador da vixésima cuarta edición do concurso, titulado Os puntos do impacto de Álex Mene.
Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.
A Policía Local conta, desde esta mañá, con dous novos axentes que tomaron posesión como funcionarios de carreira. Con esta novidade, o alcalde de Carral, Javier Gestal, espera “ver reforzada a seguridade cidadá no municipio, dando resposta a unha demanda dos veciños e veciñas do municipio”. O rexedor avanzou que o reforzo no persoal da Policía permitirá “garantir a presenza policial tanto polas mañás como polas tardes”.
A toma de posesión estivo presidida polo alcalde, polo xefe da Policía Local e polo sarxento da Garda Civil. Durante a súa intervención, o rexedor felicitou aos dous novos axentes, aos que lles desexou “moita sorte nesta nova etapa”.
Antes do seu nomeamento, os dous axentes tiveron que superar un proceso selectivo, así como un programa formativo de nove meses de duración impartido pola Academia Galega de Seguridade.
O seu ingreso como funcionarios de carreira permitirá incrementar a presenza policial, que se estenderá tanto polas mañás como polas tardes.