• Ofértanse 40 prazas para afeccionados á patinaxe, que se levará a cabo o sábado 11 de decembro

Un ano máis o Concello de Carral organiza a xa clásica viaxe á pista de xeo (este ano no centro comercial  Marineda City). Mediante esta excursión, que se levará a cabo o 11 de decembro, búscase fomentar a práctica deportiva e achegar novas formas de ocupación do tempo de lecer á poboación máis nova, vinculándoa como sempre coa idea dun hábito deportivo saudable. Para iso o departamento municipal dispón 40 prazas para todos aqueles maiores de 4 anos que lles guste a patinaxe.

O prezo da viaxe é de 8 euros, que inclúe o transporte de ida e volta con monitores (tamén dentro da pista), a entrada á pista de xeo e o alugueiro dos patíns.

A saída iniciarase ao redor das 10.30 horas, momento no que o grupo partirá cara a instalación deportiva na Coruña. Entre as 11 e as 12 horas os participantes poderán gozar da patinaxe sobre xeo.

Para todas aquelas parellas que desexen máis información ou inscribirse, poden facelo ata o 10 de decembro na Casa da Cultura, no teléfono 981.67.25.80 ou no correo electrónico deportes@carral.es.

O Concello de Carral quere que o alumnado do municipio sexa partícipe na elaboración dos decorados de Nadal dos centros escolares e, para iso, organiza un obradoiro de decoración de Nadal con material de refugallo.

A iniciativa, que contará con monitores para axudar aos participantes, terá lugar o mércores 8 de decembro de 16.00 a 20.00 horas nunha carpa instalada no Campo da Feira. O acceso é gratuíto pero é necesaria unha inscrición previa, que poderá facerse ata o 2 de decembro no departamento de Educación a través do correo educacion@carral.es ou do Whatsapp 678 338 872 poñendo nome, apelidos e idade. As prazas cubriranse por rigoroso orde de entrada pero, se quedan ocos, poderán completarse no mesmo día da actividade.

Cada participante poderá levar material de refugallo para traballar con el (rolos de papel, la, cordóns, botóns, botes baleiros, etc.) e despois tamén poderán levar algún obxecto realizado por eles mesmos para a decoración do seu fogar.

Ese mesmo día, a maiores desta actividade, tamén se acenderá a iluminación de Nadal, levarase a cabo un obradoiro de olería e haberá animación musical a cargo do grupo de música tradicional Arnela.

Concello de Carral
  • O concurso contará coa participación de Bar Tropezón, Cervexería Boca Grande, Pizzería Centro Tabeaio, Restaurante A Taberna XXI, Cervecería Solpor, Café Bar Piolindo, O’ Lareiras, O’Alpendre e da Cervexería P.3.
  • A iniciativa levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

O Concello de Carral quenta motores para o inicio do seu concurso de tapas “Carral, con moito gusto”, no que participarán nove locais de hostalaría: Bar Tropezón, Cervexería Boca Grande, Pizzería Centro Tabeaio, Restaurante A Taberna XXI, Cervecería Solpor, Café Bar Piolindo, O’ Lareiras, O’Alpendre e Cervexería P.3. O concurso levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e que acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de negocios hostaleiros, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.

Premios aos hostaleiros

Todas as tapas poderán optar ao Premio á Mellor Tapa 2021 e o 1º e 2º premio do xurado profesional. Por unha banda, o Premio á Mellor Tapa será seleccionado polos propios clientes, que deberán elixir cal foi a súa elaboración favorita. Para facelo, poderán emitir o seu voto a través dun cupón que se lles entregará no propio establecemento. Pola outra banda, para conceder o 1º e o 2º premio do xurado profesional teranse en conta os seguintes criterios: elaboración da tapa; olor textura e sabor; presentación; calidade do servizo e orixinalidade e creatividade.

Este ano queremos que o alumnado participe na elaboración dos decorados de Nadal dos centros escolares. Para iso, desde o Concello de Carral invitamos a participar nun taller de elaboración de decoración de Nadal con material de refugallo coa presencia de monitores.

8 DE DECEMBRO

HORARIO: 16.00-20.00 (dependendo do número de asistentes poderán realizarse quendas)

LUGAR: CARPA NO CAMPO DA FEIRA

Acceso gratuíto con inscrición previa (como medio de control da Covid-19) no departamento de Educación a través do correo electrónico educacion@carral.es ou no WhatsApp 678 33 88 72 poñendo nome, apelidos e  idade dos participantes.

Inscrición do 29 de novembro ao 2 de decembro por orde rigorosa de entrada.

Se hai prazas poderán anotarse o mesmo día da actividade.

Cada participante pode levar material de refugallo ese día para traballar con el (rolos de papel, la, cordóns, botóns, botes baleiros, etc.) e despois poderán levar algún obxecto realizado por eles mesmos para a decoración do seu fogar.

A maiores desta actividade, o Concello levará a cabo un obradoiro de olería e, ademais, procederá ao acendido da iluminación de Nadal. Durante a xornada haberá tamén animación musical a cargo do grupo de música tradicional Arnela.

Animádevos a participar!

A extensa tradición poética de Carral valeralle para participar en Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra ao longo da fin de semana. Como impulsor dun dos concursos de poesía máis lonxevos de Galicia, Carral promoverá, en colaboración con outros Concellos, un recital para dar maior visibilidade aos autores e autoras premiados neste tipo de certames. A proposta será o domingo, 28 de novembro, ás 13.45 horas.

Desde o goberno local destacan o orgullo que supón poder participar nun evento de tal envergadura, no que se buscará “seguir dándolle visibilidade ao Certame de Poesía Concello de Carral”. Para conseguir estes dous obxectivos, o Concello realizou xa varias presentacións conxuntas sobre o certame. A última delas levouse a cabo este mesmo mes en colaboración coa Asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

O recital deste domingo estará presentada polo técnico de Cultura do Concello, Carlos Lorenzo, e contará coa participación dos seguintes autores e autoras:

  • Daniel Asorey (Premio González Garcés).
  • Lorena Conde (Premio Cidade de Ourense e Premio Filomena Dato).
  • Óscar García Ramos (Premio Francisco Añón).
  • Charo Pita (Premio Illas Sisargas).
  • Sara Plaza (Premio Pérez Parallé).
  • Manuel López Rodríguez (Premio Concello de Carral, López Ardeiro e Premio Eduardo Pondal).
  • Xerardo Quintiá (Premio Concello de Vilalba).
  • Rexina Vega (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).
  • Manuel Antonio Piñeiro (Premio Rosalía de Castro – Cornellá).

O Concello de Carral está a preparar unha exposición para homenaxear ao fotógrafo José Gestal ‘Cardoña’, que ven de ser recoñecido recentemente como Fotógrafo histórico da provincia da Coruña.

A exposición presentará fotografías feitas por Cardoña. O Arquivo Fotográfico municipal conta xa con fotos feitas por este fotógrafo, mais a Concellería de Cultura desexa solicitar da cidadanía de Carral que colabore prestando para a súa dixitalización vellas fotos feitas por Cardoña que conservan nos seus álbums familiares.

Para ceder temporalmente as fotografías, as persoas que desexen colaborar deberán achegarse á Casa da Cultura. Cada persoa que ceda fotos, recibirá de agasallo un exemplar do libro de fotos antigas ‘Fotos para as mil historias de Carral’.

A Concellería de Carral ten a intención de ter disposta a exposición para antes de que remate o ano, polo que prega que as persoas que colaboren o fagan antes do 4 de decembro.

O ciclo de teatro que se desenvolve no Local Xente Nova de Tabeaio, presenta este sábado a Ibuprofeno Teatro con ‘O mel non caduca’.

Sinopse: Dous científicos/apicultores, en 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia. Constrúen unha árbore no seu laboratorio para tratar de recuperar os ciclos naturais, que se perderon hai tempo.

Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. O irmán máis vello opta por vendelo todo. A rapaza, máis nova, entra nunha crise vital porque se debate entre a súa acomodada vida nunha cidade afastada e a nostalxia que lle produce volver entrar en contacto cos obxectos e os recordos que marcan a súa historia vital.

A función terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio o sábado 20 de novembro ás 20:30 h. Como ven sendo habitual, é necesario reservar as entradas no teléfono 981 672 580.

O filme norteamericano ‘El rey del barrio’ é a próxima proposta que a Concellería de Cultura fai no seu programa Cine na Casa da Cultura.

Esta película é unha comedia dramática semiautobiográfica sobre os anos que pasou o protagonista Pete Davidson en Staten Island, incluíndo a morte do seu pai no 11-S e a súa entrada no mundo da comedia.

Para asistir á proxección, que terá lugar o venres ás 20:30h, hai que reservar entradas no 981 672 580. Son de balde.

O grupo Títeres Cachirulo presenta este xoves un espectáculo especialmente producido para nenas e nenos de entre 1 e 5 anos de idade. Güe-güe é unha obra de marionetas no que o público descubrirá nunha noite de lúa chea o que é un güe-güe.

A actuación terá lugar na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira de Carral, ás 18:00 h. O aforo para este tipo de actividades é moi limitado. Cada menor deberá estar acompañado dunha única persoa adulta. Para reservar entradas hai que chamar ao 981 672 580.

Concello de Carral

 

Por decreto da alcaldía do 12 de novembro de 2021 o señor alcalde resolveu iniciar o procedemento de selección e aprobar as bases que rexerán a contratación laboral temporal urxente dun/ha técnico/a en materias medioambientais.

 

Coa publicación deste anuncio na web e no taboleiro de anuncios do Concello comeza o prazo para a presentación das solicitudes dos/as candidatos/as interesados/as  no procedemento.

 

Para calquera dúbida ou aclaración poden dirixirse ao departamento de Recursos Humanos do Concello.

 

bases