Plan Mobilidade Sostible

A promoción da participación veciñal é, sen dúbida, unha das máximas do goberno local. Baixo esta premisa, e co obxectivo de que os veciños e veciñas puidesen colaborar no próximo Plan de Mobilidade Sostible de Carral, o Concello puxo en marcha unha consulta dixital online. O equipo de goberno destaca “as boas cifras de participación obtidas a través do cuestionario”. En total, recibíronse 150 achegas por parte da cidadanía. A través desta enquisa, buscouse coñecer as demandas, propostas e hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas.

Co obxectivo de que a elaboración do Plan de Mobilidade Sostible siga sendo un proceso participativo, as asociacións e particulares poderán participar nun coloquio co equipo redactor. O evento terá lugar o mércores, 22 de xullo ás 20.30 horas, no edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Este coloquio levarase a cabo atendendo ás medidas de prevención e seguridade para evitar posibles contagios por COVID-19.

Planificación estratéxica do territorio

O futuro Plan de Mobilidade Sostible servirá como ferramenta de planificación estratéxica do territorio, permitirá repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e servirá para fomentar unha mobilidade sostible.

A implantación de formas de desprazamento máis respectuosas co medio ambiente (camiñar, bicicleta, transporte público, etc.) está estreitamente ligada á redución da contaminación, a mellora da contorna urbana e o impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da crise sanitaria do COVID-19. Como explica o equipo de goberno “a elaboración do Plan de Mobilidade xorde a raíz dá crecente preocupación da veciñanza polo medio ambiente e polos medios de transporte máis sostibles”.

O Concello de Carral convocará este mércores, 22 de xullo, unha nova concentración e manifestación para esixir a mellora do servizo de pediatría no centro de saúde. O goberno local expón esta medida para reclamar, así mesmo, a implantación dunha segunda quenda de comedor no CEIP Vicente Otero Valcárcel. O acto arrincará ás 20.00 horas fronte á Casa do Concello. Desde alí, partirase en dirección rúa dos Mártires, onde se realizará un corte de tráfico da N-550.

Trátase da segunda concentración-manifestación que o equipo de goberno expuxo no mes de xullo. A primeira tivo lugar o pasado día 8, e a ela acudiron decenas de veciños e veciñas do municipio. Con todo, ante a falta de solucións satisfactorias por parte da Xerencia de Atención Primaria da Coruña, o goberno decidiu organizar unha nova protesta.

Desde o goberno local animan aos carraleses e carralesas a sumarse a esta nova reivindicación para “seguir defendendo os dereitos dos nenos e nenas de Carral”.

A maiores do servizo de pediatría, o goberno local reclamará tamén a instauración dunha segunda quenda de comedor. A Xunta de Galicia fixo pública, a semana pasada, a listaxe provisional de nenos e nenas admitidos no comedor escolar do CEIP Vicente Otero Valcárcel (curso 2020/2021). Atendendo ao protocolo do COVID-19, da cifra total de solicitudes -298-, tal só poderían acceder a este servizo 135 nenos e nenas, deixando fóra aos 163 solicitantes restantes. Ante esta situación, o goberno local instou os pais e nais dos estudantes para reclamar unha segunda quenda de comedor que cubra as necesidades de todos os usuarios e usuarias.

O Concello de Carral pretende celebrar un contrato menor para o servizo de avogacía e procuradoría por presuntas irregularidades cometidas con ocasión da execución do proxecto das beirarrúas da rúa Souto de  Castiñeiros e, de ser o caso, representación procesual para interposición de querela por un importe máximo de 14.900 € + I.V.A desagregado da seguinte maneira:
– Estudo de expediente para valoración de posibilidade de interposición de querela
– Representación procesual, no seu caso, para interposición de querela que incluirá os servizos de procurador, e seguimento dos trámites ata a finalización do procedemento tanto sexa en fase de instrución como celebrado en xuízo oral
Co fin de proporcionar a maior publicidade posible á contratación e que poidan presentarse o maior número de candidatos interesados anúnciase a presente contratación para que os correspondentes profesionais poidan presentar as ofertas, cuxo prazo finalizará o próximo día 26 de xullo de 2020 ás 23:59 (hora peninsular), presencialmente (Rexistro municipal) ou ben  telemáticamente ( Sede electrónica: https://sede.carral.es ).
Para máis información en relación ao servizo para prestar e a forma de presentación de ofertas e valoración das mesmas, existe documento redactado respecto diso que se anexa ao presente anuncio (prema aquí para acceder ao documento) ou tamén recibirán información chamando ao nº de teléfono: 981.670002 (preguntar pola concelleira de Réxime Interior: Susana  Guimarey).

A Concellería de Cultura do Concello de Carral está a levar a cabo un proceso minucioso de avaliación do seu premio de poesía en particular e dos certames galegos en xeral.
Ademais das conclusións obtidas coa análise dos datos do premio de Carral e de máis de 250 enquisas, o estudio completarase coas achegas de representantes de diversos colectivos implicados no sistema literario. Estas achegas terán lugar na xornada en liña que terá lugar o martes 14 de xullo ás 17:30 h, co seguinte programa:

Imaxe convite Xornada premios poesía con link.A sesión poderase seguir en directo en https://youtu.be/4a80OCFFANc

 

 

Os departamentos municipais de Normalización Lingüística e de Cultura ofrecerán o espectáculo infantil Voa, voa!, da compañía Talía Teatro.Cartel Voa voa Xoaniña - Carral.

Voa, voa! é un espectáculo dirixido especialmente para público infantil (de 4 a 9 anos) pero para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.

A función, incluída no programa Falaredes de normalización lingüística da Xunta de Galicia, terá lugar o sábado 18 de xullo ás 12:00 h. no local Xente Nova de Tabeaio. É obrigatoria a reserva previa de convites chamando entre as 9:00 a 14:00 h. á Casa da Cultura (tel. 981 672 580) antes do xoves 16 de xullo. Para atender as normas de prevención do Covid-19, o público asistente terá asentos preasignados, só se poderán sentar xuntos membros da mesma unidade de convivencia, será obrigatorio o uso de mascara durante todo o espectáculo, e o acceso e a saída do local será de xeito gradual atendendo ás indicacións dos responsables da actividade. Para que poidan asistir o maior número posible de nenos e nenas, recoméndase que só sexa un adulto o que acompañe aos pequenos da mesma unidade de convivencia.

Desinfección de calzado, mans e medición de temperatura. Esas son as medidas de prevención ás que se someten os nenos e nenas para acceder aos Campamentos Deportivos de Verán que se están a celebrar no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no local interxeracional. A programación arrincou hai unha semana, e fíxoo con numerosas medidas para evitar posibles contaxios por COVID-19.

DSC_2495

Como explica o goberno, “na situación actual, considerabamos necesario manter e reforzar as actividades de conciliación”. Non obstante, como sinalan desde o equipo de goberno, “a seguridade é, máis que nunca, a máxima prioridade e, por iso, reaxustouse a organización dos campamentos aplicando un completo protocolo”.

Co fin de adaptar a organización dos campamentos ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas polos organismos sanitarios, o Concello mudou o lugar de celebración. Nesta edición, os campamentos están celebrándose no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza. Para acceder ao espazo, teñen que desinfectar as mans e o calzado e os monitores e monitoras encárganse de medirlles a temperatura.

DSC_2514

Adicionalmente, os maiores de 6 anos deben empregar a máscara de xeito obrigatorio, agás naqueles casos nos que os cativos e cativas presenten algunha patoloxía que impida este uso. No caso das excursións, todos os nenos e nenas, con independencia da súa idade, deberán levar a máscara de protección no autobús, tal e como indica a normativa. Unha vez dentro do recinto dos campamentos, os rapaces e rapazas están separados en grupos formados por un máximo de 10 participantes.

Un reforzo nas medidas de conciliación

Os campamentos levaranse a cabo en tres quendas. A primeira comezou a pasada semana e prolongarase ata o 24 de xullo. Ao longo das semanas, os e as participantes realizarán actividades como multideportes, baile, xogos tradicionais, actividades culturais, excursións, etc.

Con respecto a outras edicións, o Concello decidiu ampliar o período de realización dos campamentos.

O goberno local segue traballando para mellorar o servizo de pediatría do centro de saúde de Carral. Baixo esta premisa, o Concello convoca para mañá, mércores 8 de xullo ás 20.00 horas, unha concentración e manifestación fronte á Casa do Concello para reclamar esta petición.

Tal e como explican desde o goberno local, o motivo desta solicitude é, precisamente, a ausencia do pediatra desde o pasado 23 de xuño.

O acto arrincará ás 20.00 horas, e despois dunha concentración de 15 minutos, realizarase unha manifestación co seguinte percorrido: partirase en dirección á rúa Víctor Velasco, continuando pola rúa dos Mártires e terminando no panteón. Desde o equipo de goberno animan a todos os veciños e veciñas do municipio para sumarse a esta reivindicación “para defender os dereitos dos nenos e nenas de Carral”.

Se a situación non se reverte, a previsión do goberno é convocar novas concentracións nas próximas semanas.

Máis de vinte persoas realizaron hoxe unha andaina por un dos treitos do Camiño Inglés de Santiago que transcorre polo municipio de Carral, co fin de reactivar esta ruta xacobea. A andaina comezou na área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, e rematou en Cañás

A andaina foi unha iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés que pretende animar a peregrinar a Compostela por este roteiro, despois de que permanecera  pechado pola pandemia do Covid-19. Os alcaldes da asociación participaron nun acto en Sigüeiro (Oroso), no que tamén estivo o de Carral, Javier Gestal, mentres que outros membros do equipo de goberno, coordinados pola concelleira de Turismo, Lucía Vázquez, participaron no percorrido por Carral.

Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 14w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 03w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 07w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 09w

O Concello de Carral vén de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. O documento servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio permitindo repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e fomentando unha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e permita transformar múltiples hábitos na mobilidade urbana. A implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da situación xerada pola COVID-19.

Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor, Estudio MMASA, porá en marcha unha consulta dixital online na que calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar de xeito que sexa posible coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade dos seus veciños e veciñas en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 15 de Xullo na ligazón http://plandemobilidade.com/carral.

Dita consulta reforzarase coas mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar nas vindeiras semanas. De xeito adicional, poderán enviarse suxestións ao correo electrónico carral@plandemobilidade.com. A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Carral xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sostible. A situación xurdida a partir da COVID-19 fai que cidades e pobos teñan que replantearse os xeitos de mobilidade, sumindo que os desprazamentos da poboación vanse a reducir e que os espazos públicos deben garantir a suficiente amplitude para permitir a mobilidade compartida e, en especial, a mobilidade peonil e en bicicleta.

O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Carral en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sostibilidade.

Favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival é, máis que nunca, unha prioridade para o goberno local. Baixo esa premisa, o Concello organizará, ao longo de todo o verán, os campamentos de verán, que están incluídos dentro da programación deportiva de actividades de conciliación para as familias. Nesta edición, o Concello oferta un total de 140 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. O período de inscrición acaba de abrir, e as persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o 26 de xuño.

Co fin de axustar a organización desta medida ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas polos organismos sanitarios, o Concello mudou o lugar de celebración. Nesta edición, os campamentos terán lugar no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza. Os rapaces e rapazas estarán separados en grupos formados por un máximo de 10. Antes de entrar no recinto, os nenos e nenas deberán desinfectar as mans. Ademais, os maiores de 6 anos deberán empregar a máscara de xeito obrigatorio sempre e cando non se poidan garantir as distancias de seguridade. A maiores, o Concello establecerá quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

Os campamentos levaranse a cabo en tres quendas. A primeira comezará o día 1 e prolongarase ata o 24 de xullo. Ao longo das semanas, os e as participantes realizarán actividades como multideportes, xogos tradicionais, actividades culturais, excursións, etc. A segunda quenda terá lugar entre o 27 de xullo e o 14 de agosto, e a temática central será o inglés. Por último, o Concello organizará unha terceira entre o 17 e o 28 de agosto.

As solicitudes tramitaranse, exclusivamente, a través do correo electrónico casadacultura@carral.es.

Díptico campamento deportivo de verán

Diptico Campamento Deportivo_2_2020-1