Monumento Mártires de Carral -  16 webO estado de alarma decretado pola pandemia do coronavirus, coas recomendacións e restricións que supón, obrigan ao Concello de Carral a non levar a cabo ningún tipo de acto o 26 de abril para homenaxear o cabodano do fusilamento dos Mártires de Carral, tal e como se veu facendo desde sempre.
O Concello, en representación da cidadanía carralesa, sen ningún tipo de protocolo depositará flores no monumento que honra aos oficiais executados na Revolución de 1846.

O confinamento está sacando o lado máis solidario dos veciños e veciñas e das empresas afincadas no municipio. Estes días, o Concello de Carral recibiu numerosas doazóns por parte das compañías carralesas e de particulares, que lles entregaron alimentos para a despensa municipal, produtos de limpeza e mesmo electrodomésticos. O goberno local agradécelle a todas as persoas “que estean doando produtos de forma desinteresada para axudar a quen o necesite durante o illamento”.

Ao longo das últimas semanas, o Concello recibiu as seguintes doazóns: do bar O’ Lareiras de Carral, que entregou alimentos para surtir a despensa municipal; do CEIP Vicente Otero Valcárcel, que lles entregou produtos de limpeza –guantes, lixivia e desinfectantes-; da empresa Bermúdez Solutions, que aportou fundas de asentos para garantir unha maior protección nos vehículos municipais; da Pizzería Centro de Tabeaio, que doou tamén alimentos e de Croquetas San Vicente, que mandou un surtido do seu produto estrela. A escola infantil A Galiña Azul, a Unión Deportiva Carral, a empresa Demaría Horeca e o Bar Betanceiro doaron tamén alimentos, mentres que Autoservicio Chas entregou ao Concello produtos de limpeza. Ademais, o Concello conseguiu unha neveira da man dun almacén de distribución do municipio, o que lle permitirá almacenar produtos que requiran frío. Así mesmo, unha cooperativa galega fixo entrega de pantallas de protección facial.

Á súa vez, algúns veciños e veciñas decidiron tamén pór o seu gran de area doando, fundamentalmente, produtos de alimentación que serviron para surtir a despensa municipal.

O equipo de goberno sinala que a “colaboración de todos é crucial para saír, canto antes desta situación”. Así mesmo, os concelleiros e concelleiras agradecen “a responsabilidade dos veciños e veciñas, que están a cumprir coas directrices dos organismos oficiais”. Por último, o goberno dálles as grazas aos traballadores e traballadoras “que aínda estando en estado de alarma, seguen traballando”.

O próximo martes, 28 de abril ás 9.30 horas, comezaranse a facer os primeiros test epidemiolóxicos do COVID-19 no centro de saúde do Concello de Carral. O Instituto Galego de Estatística elaborou o listado de 93 veciños e veciñas elixidos para as probas, que son voluntarias. Polo outro lado, o Sergas encargarase de facer estes tests. O ambulatorio citará, individualmente, ás persoas asignadas.

Os carraleses e carralesas someteranse ás probas sen saír dos seus vehículos. En caso de que haxa algunha persoa que non poida desprazarse ata o centro médico, existe a posibilidade de que o test se lles realice no seu domicilio.

Desde o Sergas infórmannos de que os resultados se darán por vía telefónica.

 

Dentro de todas as actuacións acometidas polo Concello de Carral para paliar e intentar frear a expansión da pandemia COVID-19, o goberno local promoveu o reparto de 4.329 máscaras entre os veciños e veciñas do municipio.

Para poder facer este reparto, o Concello contou coa colaboración de:

  • Xunta de Galicia: 1.050 máscaras cirúrxicas
  • Deputación Provincial da Coruña: 920 máscaras cirúrxicas
  • Abanca: 15 máscaras hixiénicas
  • Fabricación por encargo do propio Concello de Carral: 1.480 máscaras hixiénicas
  • Voluntarias: 864 máscaras hixiénicas

En total, 4.329 máscaras (datos 20/04/20)

As voluntarias foron tres mulleres do municipio ás que o Concello agradece, especialmente, o seu labor de xeito anónimo e desinteresado. Ata o de agora, estas voluntarias fabricaron case 900 máscaras.

Este material de protección foi e está sendo repartido entre os carraleses e carralesas seguindo os criterios establecidos:

  • Persoas con alto risco de contaxio (persoas maiores ou con patoloxías, persoas en confinamento, etc.)
  • Polos establecementos do Concello abertos ao público (tendas de alimentos, panaderías, ferreterías, taxis…)

Na Casa do Concello que permanece aberta ao público en horario de mañá de 9h a 14 h, entregaranse persoalmente a todos os veciños que as demanden.

Servizo de Atención Temperá do Concello de Carral propón unha nova actividade para facer na casa cos nenos e nenas. Velaí tedes o listado de materiais que precisaredes para levar a cabo esta nova proposta:

  • Bol con auga
  • Pano de mesa
  • Rotulador permanente
  • Rotuladores de cores

 

As persoas beneficiarias das axudas dos Programas do Bono Alugueiro Social e do Bono Alugueiro para vítimas de violencia de xénero non teñen que realizar ningún pago no mes de abril ás persoas propietarias das vivendas.

A Xunta de Galicia pagará, íntegramente, o importe da renda de alugueiro durante o mes de abril. En consecuencia, quedan eximidos da obriga de presentar o recibo correpondente ao citado mes.

As persoas que precisen máis información poden chamar ao teléfono 678338896.

 

BONO ALUGUEIRO SOCIAL

Mercaproximidade é unha canle de comunicación entre produtores e compradores. Esta vía está dispoñible para os seguintes colectivos: produtores de froitas, verduras, mel, produtos apícolas, gandeiros de vacún, porcino, caprino e ovino e para as industrias transformadoras que obteñen unha porcentaxe dos seus ingresos superior ao 50% do sector da hostelería e dos mercados, cerrados actualmente. O único requisito é estar dado de alta no REAGA.

As persoas que precisen máis información poden chamar ao teléfono 678 33 88 96.

 

MERCAPROXIMIDADE 2

O departamento de Cultura realizou unha avaliación do calendario de accións que se levaron a cabo ao longo de todo o 2019. A programación cultural experimentou, nos últimos

Fillas Bravas - Chévere - Carral

Fillas Bravas – Chévere – Carral

anos, unha tendencia de crecemento, tanto no número de propostas como en cifras de asistencia.
Unha das conclusións máis positivas que indica o estudio é a tendencia de crecemento que a programación cultural experimentou nos últimos anos –tanto en número de actividades como en cifras de asistencia-. Así, tal e como sinala o documento, o Concello organizou, durante o 2019, un total de 73 actividades ás que acudiron 5.314 veciños e veciñas do municipio. En contraposición, en 2015 leváronse a cabo un total de 50 actos culturais que congregaron a 3.452 participantes.
No estudo fíxose unha distinción en función da tipoloxía das iniciativas, dividíndoas nas seguintes categorías: teatro, maxia, títeres e monólogos; contacontos; cine; danza; música; exposicións; festas; obradoiros e escolas e outros –conferencias, club de lectura, etc.-. De todas as propostas realizadas, o concerto de The Cerne foi a que acadou a mellor cifra en canto a número de espectadores (450, en total).
Moitas das propostas están englobadas dentro de programas como a Rede Cultural da Deputación da Coruña, Cultura no Camiño, Ler conta moito, Rede de Normalización Lingüística, Festival Galicreques e o Encontro de Música de Pulso e Púa. Porén, 37 foron de organización propia ou en colaboración con outras institucións.
Por último, o documento presenta algunhas das conclusións e aspectos a mellorar. Para o período actual e para vindeiros exercicios, o departamento de Cultura márcase, entre outros, os seguintes obxectivos:
•    Cubrir a oferta cultural nos meses de menos programación, sobre todo, no primeiro semestre do ano.
•    Valorar a posibilidade de organizar espectáculos de danza na rúa.
•    Consolidar os ciclos de artes escénicas, de cine, festivais, etcétera, que xa obtiveron bos resultados en pasadas edicións.
•    Fomentar a oferta musical con espectáculos atractivos e seguir coa estratexia de concertos didácticos cos que crear novos públicos.
•    Deseñar unha oferta de obradoiros que permita atender a demanda por actividades que mesturen formación e lecer.

Pódese acceder ao informe premendo aquí.

Instituto Galego de Vivenda e Solo publicou, no DOG do mércores 8 de abril de 2020, a convocatoria de Axudas destinadas ao aluguer para vítimas de violencia de xénero. O prazo de solicitude comezará ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG, e rematará o 11 de decembro ou ata o remate dos fondos.

Máis información no servizo de Medio Ambiente do Concello de Carral ou no teléfono 981 67 00 02.

Bando Axudas destinadas ao aluguer para vítimas de violencia de xénero

Convocatoria do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero