Máis de vinte persoas realizaron hoxe unha andaina por un dos treitos do Camiño Inglés de Santiago que transcorre polo municipio de Carral, co fin de reactivar esta ruta xacobea. A andaina comezou na área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, e rematou en Cañás

A andaina foi unha iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés que pretende animar a peregrinar a Compostela por este roteiro, despois de que permanecera  pechado pola pandemia do Covid-19. Os alcaldes da asociación participaron nun acto en Sigüeiro (Oroso), no que tamén estivo o de Carral, Javier Gestal, mentres que outros membros do equipo de goberno, coordinados pola concelleira de Turismo, Lucía Vázquez, participaron no percorrido por Carral.

Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 14w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 03w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 07w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 09w

O Concello de Carral vén de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. O documento servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio permitindo repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e fomentando unha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e permita transformar múltiples hábitos na mobilidade urbana. A implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da situación xerada pola COVID-19.

Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor, Estudio MMASA, porá en marcha unha consulta dixital online na que calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar de xeito que sexa posible coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade dos seus veciños e veciñas en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 15 de Xullo na ligazón http://plandemobilidade.com/carral.

Dita consulta reforzarase coas mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar nas vindeiras semanas. De xeito adicional, poderán enviarse suxestións ao correo electrónico carral@plandemobilidade.com. A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Carral xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sostible. A situación xurdida a partir da COVID-19 fai que cidades e pobos teñan que replantearse os xeitos de mobilidade, sumindo que os desprazamentos da poboación vanse a reducir e que os espazos públicos deben garantir a suficiente amplitude para permitir a mobilidade compartida e, en especial, a mobilidade peonil e en bicicleta.

O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Carral en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sostibilidade.

Favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival é, máis que nunca, unha prioridade para o goberno local. Baixo esa premisa, o Concello organizará, ao longo de todo o verán, os campamentos de verán, que están incluídos dentro da programación deportiva de actividades de conciliación para as familias. Nesta edición, o Concello oferta un total de 140 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. O período de inscrición acaba de abrir, e as persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o 26 de xuño.

Co fin de axustar a organización desta medida ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas polos organismos sanitarios, o Concello mudou o lugar de celebración. Nesta edición, os campamentos terán lugar no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza. Os rapaces e rapazas estarán separados en grupos formados por un máximo de 10. Antes de entrar no recinto, os nenos e nenas deberán desinfectar as mans. Ademais, os maiores de 6 anos deberán empregar a máscara de xeito obrigatorio sempre e cando non se poidan garantir as distancias de seguridade. A maiores, o Concello establecerá quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

Os campamentos levaranse a cabo en tres quendas. A primeira comezará o día 1 e prolongarase ata o 24 de xullo. Ao longo das semanas, os e as participantes realizarán actividades como multideportes, xogos tradicionais, actividades culturais, excursións, etc. A segunda quenda terá lugar entre o 27 de xullo e o 14 de agosto, e a temática central será o inglés. Por último, o Concello organizará unha terceira entre o 17 e o 28 de agosto.

As solicitudes tramitaranse, exclusivamente, a través do correo electrónico casadacultura@carral.es.

Díptico campamento deportivo de verán

Diptico Campamento Deportivo_2_2020-1

O ximnasio e a piscina do Complexo Deportivo Municipal volverán funcionar esta mesma semana. En concreto, a apertura destas dependencias será o venres ás 12.00 horas. Non obstante, co fin de garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias e a do persoal traballador, o goberno local elaborou un protocolo co que se rexerán ambas instalacións. Como indican desde o equipo de goberno, “agora mesmo a saúde dos veciños e veciñas é a nosa máxima prioridade. Por iso elaboramos un documento con directrices e medidas que sirvan para reducir o risco de contaxio por COVID-19”.

Por unha banda, o ximnasio estará dispoñible para o emprego de máquinas. Así, non estará aberta a zona de spa e tampouco se levarán a cabo as actividades dirixidas habituais. Para garantir a distancia interpersoal de seguridade, o Concello separou as máquinas, empregando para iso a aula dedicada ás actividades. Adicionalmente, o persoal da instalación levará a cabo a limpeza das máquinas despois de cada uso. As persoas interesadas en acudir a estas dependencias non terán que solicitar cita previa. En canto ao horario, o ximnasio abrirá de luns a venres de 9.00 a 15.00 e de 16.00 a 22.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.

Pola outra, a piscina abre as súas portas de luns a domingo de 12.00 a 21.00 horas. O aforo máximo do recinto será de 75 persoas, mentres que na auga tan só poderán estar 45 persoas de xeito simultáneo. A piscina infantil permitirá pechada porque, atendendo ás indicacións dos organismos sanitarios, o aforo máximo permitido sería dun neno ou nena. O peche desta área permitirá garantir as distancias de seguridade fixadas polas autoridades. Así mesmo, e co fin de cumprir co distanciamento social, o Concello habilitou parcelas independentes de 2,5 metros por 2,5 metros –de uso individual ou por unidade familiar- na instalación. Polo de agora, non se establece un tempo máximo para permanecer na auga. Non será necesario solicitar cita previa e cobrarase a entrada a través de tarxeta.

Segundo explican desde o goberno, estas medidas poderán “sufrir cambios en función das recomendacións e directrices marcadas polos organismos sanitarios”.

O Concello de Carral celebrará este domingo, 28 de xuño, a súa tradicional feira municipal, que contará con máis de medio centenar de postos. Como novidade con respecto ás últimas citas, o mercado do último domingo do mes ampliará a súa oferta. Desta forma, ademais de stands agropecuarios, venderanse tamén artigos téxtiles.

Co fin de cumprir coas distancias entre postos e entre persoas traballadoras, clientes e viandantes, o mercado realizarase nos seguintes puntos:  rúas Víctor Velasco –ata a rotonda- e Belvís –ata o cruzamento coa rúa Méndez Búa-. Ademais, aumentarase a  rúa Campo da Feira. Por tanto, ese día, quedará restrinxido o estacionamento nestas zonas, reservadas para a disposición dos postos.

Para que a cita se desenvolva coas máximas garantías de seguridade, o Concello adoptará as seguintes medidas: colocación de cartelería das medidas hixiénico-sanitarias no acceso á feira, limitación da zona de feira con barreiras e  dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada, fixación de distancia entre postos de, polo menos, 1,5 metros, etc. Os veciños e veciñas que asistan ao mercado deberán levar máscara.

En canto aos artigos téxtiles, os vendedores e vendedoras poderán expoñer unha mostra de pezas representativas da colección, mentres que o resto do xénero estará empaquetado e gardado por tallas. No caso de que as pezas se presenten nunha mesma superficie en tumulto, os compradores e compradoras deberán usar luvas dun só uso.

Cartel Carral Andaina Primavera no Camiño.Carral, como municipio que forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participará dunha andaina por un treito da ruta xacobea. Terá lugar en todos os concellos da asociación o sábado 4 de xullo ás 10:00 h.

En Carral o treito que farán os participantes dun xeito seguro será desde a área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, ata o cruce en Cañás do Camiño Inglés coa estrada CP-1704 a Cambre. Este percorrido, dun pouco máis de 3 km, realizarase nun tempo aproximado de 1 hora.

Para participar na andaina, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do xoves 2 de xullo na Casa da Cultura, preferentemente chamando ao teléfono 981 672 580. As prazas son limitadas. As persoas participantes deberán facelo atendendo ás medidas de seguridade, levando máscara e chaleco reflector.

Esta iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés desenvólvese coa intención de promover a ruta xacobea e a reactivación segura do Camiño Inglés.

O Concello de Carral adhriuse á campaña Liberdade de ser e sentir! da Deputación Provincial da Coruña. A iniciativa, que se pon en marcha para conmemorar o Día da Diversidade Sexual -28 de xuño-, busca reivindicar a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e da súa identidade de xénero.

Como parte da proposta, estanse a levar a cabo infinidade de actividades, como palestras en liña, concursos, contacontos, etc. Botádelle un ollo á programación completa.

 

Liberade de ser e sentir _ Imaxe

CARTEL sen datos webA Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Carral e máis a Fundación Penzol, reabre este xoves 25 de xuño a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela”. A inauguración tivo lugar orixinalmente o martes 10 de marzo ás 13.00h no Local da Xuventude do Concello de Carral, pero apenas 2 días despois tiveron que suspernderse as visitas tras as recomendacións da Xunta de Galicia e a posterior crise sanitaria.

A exposción, con textos en galego, castelán e inglés estará aberta entre o 25 de xuño e o 12 de xullo e está destinada a todos os públicos. Debido ás medidas de seguirdade e ao control de aforo da entrada á exposición, o horario será de 10 a 13 horas, con necesidade de cita previa no teléfono 981 11 70 20 ou consultando á chegada das instalacións a posibilidade de visita atendendo ao aforo permitido.

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.

Coincidindo coa exposición, a Fundación Carlos Casares pon a disposición dos usuarios unha sección específica da páxina web da fundación que permitirá ampliar os coñecementos sobre os aspectos que se desenvolven na exposición, con textos –ademais de en galego- en castelán e inglés, con reproducción de audio nestes idiomas para a súa consulta por parte de persoas con dificultades visuais.

Tamén estará a disposición do público, especialmente o máis novo (8-14 anos), unha guía didáctica chamada “Busca-busca”, no que se deberá indagar nos paneis para obter unha resposta a certos retos presentados.

A Biblioteca da Casa da Cultura abrirá a partir do 22 de xuño con todos os seus servizos, aínda que se manteñen restricións e recomendacións para evitar os efectos do open-book-1428428_1920coronavirus.

Os servizos que se prestarán serán os de préstamo, lectura en sala e uso de ordenadores públicos. O horario será de 10:00 a 14:00 h. de luns a venres. A biblioteca infantil situada na rúa do Castro permanecerá pechada, pero poderase dispor do seu fondo solicitando obras na da Casa da Cultura.

O protocolo que se manterá na Biblioteca é o seguinte:

  1. Horario: de luns a venres de 10:00 a 14:00 h.
  2. Servizos que se ofrecen:
    • Préstamo de libros e audiovisuais
    • Lectura en sala
    • Uso dos ordenadores públicos
  3. A atención ao público farase no mostrador da Biblioteca.
  4. O aforo queda fixado en 23 persoas.
  5. O uso da máscara é obrigatorio durante todo o tempo de permanencia nas instalacións da Casa da Cultura, incluída a Biblioteca.
  6. É obrigatorio a hixiene de mans á entrada da Biblioteca co hidroxel dispoñible no acceso.
  7. O préstamo farase nas seguintes condicións:
    • As persoas usuarias non terán acceso directo á colección .
    • Priorizarase a atención con cita previa, solicitando os exemplares desexados chamando ao 981 672 580 ou enviando un correo a biblioteca@carral.es.
    • Presencialmente poderase solicitar o préstamo de exemplares. Será o persoal da Biblioteca quen se encargue da busca e entrega da obra solicitada.
    • Para consultar o catálogo e dispoñibilidade de obras, accederase a https://rbgalicia.xunta.gal/es/biblioteca-publica-municipal-de-carral.
    • Para a devolución de libros ou audiovisuais existen as seguintes opcións:
      1. Pódese depositar na caixa do correo da Casa da Cultura (sinalizado como “Buzón” xunto ás portas principais) en calquera horario.
      2. Se non require solicitar un novo préstamo, e dentro do horario de apertura da Casa da Cultura (de 9:00 a 14:00 h.), pódese deixar no mostrador da planta baixa
      3. Se require solicitar un novo préstamo, pódese facer no mostrador da Biblioteca.
  1. A lectura nas mesas realizarase nos postos sinalados, mantendo as distancias interpersoais coas restantes persoas e evitando colocar moitos obxectos (libretas, lapis, carteiras, lentes, teléfonos, ordenadores, tabletas…) enriba das mesas.
  2. Recoméndase que o tempo de lectura nas mesas ou butacas non supere as dúas (2) horas.
  3. Poderanse usar para a lectura as butacas, sen que se poidan desprazar.
  4. O uso dos ordenadores públicos estará restrinxido a 30 minutos por persoa.
  5. Se manteñen as prohibicións de comer ou beber na Biblioteca.
  6. Respecte a sinalización e as indicacións das bibliotecarias.

Co inicio da crise sanitaria, o Concello de Carral puxo en marcha diferentes medidas para frear o impacto o COVID-19 no municipio. Entre elas, o goberno local arrincou un servizo de impresión e repartición a domicilio de tarefas escolares para as familias con menos recursos de Carral. Agora, co fin do ano académico, o Concello clausura a esta prestación, da que se beneficiaron medio centenar de alumnos e alumnas de educación Primaria e Secundaria.

Como indica o goberno local, o obxectivo era que “o alumnado puidese continuar coa súa formación a distancia. Non queriamos que a emerxencia sanitaria frease a súa aprendizaxe”.

De acordo co equipo docente, os centros de ensino remitían ao Concello as tarefas e os datos de cada estudante para realizar as entregas todos os martes. En total, esta prestación funcionou durante 12 semanas.

A maiores, o persoal municipal asumiu tamén a repartición a domicilio de libros, cadernos e material de actividades extraescolares.