O Concello de Carral celebrou hoxe, luns 15 de xuño, un pleno extraordinario no que se aprobaron, de xeito inicial, os orzamentos de 2020. Con respecto ao 2019, o apartado de gastos experimentou un crecemento dun 0,87%, ascendendo a 5.492.626,02 euros, mentres que o de ingresos subiu un 3,28%, chegando aos 5.629.418,77 euros. Desta forma, o documento orzamentario reflicte un superávit por importe de 136.792,75 euros, necesario para facer fronte ao remanente de tesourería negativo derivado da liquidación do exercicio de 2019.
Trátase, tal e como inciden desde o goberno local, dunha proposta orzamentaria que “estivo moi condicionada pola débeda contraída polo anterior goberno”. Así mesmo, sinalan que “se produciu un atraso na aprobación do documento debido á emerxencia sanitaria. A mesma semana na que se decretou ou estado de alarma tiñamos a mesa laboral previa á presentación do presuposto non pleno”. A emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus supuxo “a modificación dos orzamentos para adaptar as partidas ao protocolo de actuación do COVID-19”.
Para facer fronte á crise sanitaria, o goberno local tivo que anular partidas de festas, eventos e excursións, destinando estas contías a Servizos Sociais, así como á adopción doutras medidas de carácter urxente para paliar os efectos do COVID-19 no municipio: apoio á conciliación, adaptación das instalacións, formación e adquisición de EPIS para traballadores/ as, etc. Dentro de Servizos Sociais, a partida de Emerxencia Social pasou dos 10.000 euros do 2019 aos 51.000 euros consignados no orzamento de 2020. Así mesmo, aumentouse o importe do Comedor sobre rodas, que pasou do 750 euros (2019) aos 1.800 euros de 2020. Por último, a partida de dependencia pasou dos 160.000 euros, no 2019, aos 380.000 euros do exercicio actual e libre concorrencia de 190.000 (2019) a 280.000 (2020).
Un millón en investimentos
O documento do 2020 presenta un estado de gastos que ascende a 5.492.626,02 euros. Como parte do informe, o Concello aposta polos investimentos, que ascenden a máis de 1 millón de euros. Esta suma utilizarase para levar a cabo proxectos que sirvan para incrementar e mellorar os servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas do municipio. Entre eles, destacan os que se acometerán a través dos fondos provinciais do POS+2020 da Deputación da Coruña: acondicionamento do pavillón polideportivo municipal O Espiño, construción dun muro de contención de granito, acondicionamento da contorna para aparcamento no lugar de Bacelo (Santa Baia de Cañás) e mellora da senda peonil de acceso ao área recreativa da Brexa.
O documento de 2020 reflicte tamén un aumento do Gasto de Persoal (1.820.331,10 euros) debido á suma de dúas prazas de Policía e un electricista. Así mesmo, preséntase tamén un lixeiro incremento do gasto en Bens Correntes e Servizos (1.886.572,94 euros).