Os nenos e nenas carraleses acudirán entre o 8 e o 13 de xullo. Read more
Ao longo do verán pasado, as piscinas de municipais contaron con máis de 250 abonados e ao redor de 3.800 bañistas. Read more
A XVI Festa do Pan de Carral foi un auténtico éxito, e non só en termos de participación, senón tamén en índice de solidariedade. E é que, durante esta coñecida cita gastronómica, que tivo lugar o 12 e 13 de maio, recolléronse 200 quilos de alimentos e 105 litros de leite.
Todo a través da VII Campaña Libros Solidarios, na que se intercambiaron libros por alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene. Estes produtos irán destinados ás familias con necesidades do municipio.
A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:30 h, o acto do 21º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xabier Cid por gañar esta edición co seu libro As bicis, e no que tamén se presentará a publicación do gañador do ano pasado, Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba.
O acto estará presidido polo alcalde José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Verónica Martínez, membro do xurado da presente edición.
O Grupo Ouriol pechará o acto co espectáculo A maxia das palabras, un recital multidisciplinar –música, poesía e pintura- que ten como núcleo central da súa realización unha escolla da obra poética de María Victoria Moreno, autora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018. O espectáculo consiste no recitado dos poemas por parte da poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través das suxestivas sonoridades dos instrumentos. Asemade, durante o recital proxéctanse as imaxes realizadas para o evento polo artista Alfonso Costa.
Ao igual que en todas as edicións deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasalla aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Xosé Luís Mosquera Camba poderá dedicarllo aos participantes no acto.
A Casa da Cultura de Carral loce, desde esta mañá, un novo espazo para o recordo. En concreto, trátase dunha vitrina dedicada a José Gestal, popularmente coñecido como Cardoña, o fotógrafo do municipio durante décadas. O Concello organizou hoxe o acto inaugural deste escaparate que alberga parte do equipo fotográfico co que Cardoña retratou ao concello e aos seus veciños. Este espazo recolle, ademais, unha breve biografía de José Gestal.
Ao acto acudiron o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, a concelleira de Cultura, Participación e Voluntariado, Margarita Ramilo Varela, e familiares de Gestal.

No acto estiveron presentes o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, a concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e a filla de José Gestal, Matilde Gestal
Durante a inauguración, Fernández Mouriño apuntou o papel que as instantáneas de Cardoña xogaron no día a día dos carraleses: “Todos vos veciños coñecen a Cardoña, e seguro que a maioría ten algunha dás súas fotos gardada”. De feito, o arquivo fotográfico de José Gestal impulsou o nacemento do proxecto Fotos para as mil historias de Carral, que forma parte do Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural.
A filla de Cardoña, Matilde Gestal, agradeceu a intención do Concello por manter vivo o legado do seu pai: ” Síntome moi orgullosa de poder gozar desta fermosa vitrina. Ver todo este material tráeme moi bos recordos”, comentou con emoción durante o acto.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral contribúe a homenaxear a María Victoria Moreno instalando paneis polas rúas de Carral, nos que se ofrece información sobre a vida e obra desta escritora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Algúns destes elementos están instalados nas inmediacións dos centros de ensino para que os máis novos coñezan a unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil en lingua galega.
Cultura tamén repartiu por boa parte das instalacións municipais, folletos nos que se esboza a traxectoria de María Victoria Moreno.
Esta acción está enmarcada no programa de Letras Galegas 2018 que leva a cabo o Concello de Carral, no que tamén están previstos actos como a inauguración da vitrina dedicada a Cardoña, o acto principal do Premio de Poesía Concello de Carral, a entrega de premios aos concursos escolares de poesía, a exposición da escola municipal de fotografía, ou a presentación do libro Certezas alumeadas dedicado a Luis Seoane, entre outros.
O alcalde José Luis Fernández Mouriño, a concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e a familia de José Gestal, coñecido popularmente como Cardoña inaugurarán este venres unha vitrina que servirá para facer unha homenaxe a quen foi durante décadas o fotógrafo de Carral.
A vitrina conterá de maneira permanente unha mostra do equipo fotográfico de Cardoña, ademais de facer unha breve explicación do seu traballo. O material foi cedido pola súa
filla, Matilde Gestal, para atender un desexo do Concello de Carral de homenaxear a este querido profesional da fotografía. Na meirande parte das familias do municipio existen fotos realizadas por Cardoña, e a maioría das imaxes que forman parte do arquivo fotográfico municipal son instantáneas tiradas por el. Este arquivo é o núcleo central do programa municipal Fotos para as mil historias de Carral, que comprende tamén exposicións, publicacións e unha páxina de Facebook. Este programa desenvolto pola Concellería de Cultura ven de ser recoñecido como unha boa práctica de xestión cultural, por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e da Deputación da Coruña.
O acto de presentación da vitrina terá lugar o venres 18 de maio, ás 12:30 h, na Casa da Cultura de Carral.
Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.
O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.
O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
O Concello de Carral aposta, unha vez máis, por reforzar a seguridade viaria en todo o municipio. Por esta razón, un dos proxectos a medios prazo é mellorar oito pasos de cebra (tres en Tabeaio e cinco no núcleo urbano) ao seu paso pola N-550. O goberno local acometerá esta obra despois de detectar que as condicións de seguridade nestes pasos de cebra son insuficientes pola falta de accesibilidade e visibilidade.
Por esta razón, o obxectivo é mellorar as condicións dos pasos de peóns a nivel de accesibilidade universal, para o que se colocarán baldosas podotáctiles (especialmente deseñadas para persoas con discapacidade vsual) e se mellorarán e ampliarán as pendentes dos vados. Ademais, unha das grandes novidades consistirá na instalación dun sistema de iluminación capaz de detectar a presenza do peón cando este cruza. Este dispositivo alertará aos coches con luces chamativas cando as persoas estean atravesando o paso.
Trátase dun proxecto pioneiro que o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, considera que “mellorará considerablemente a seguridade viaria en todo o municipio”.