AAS%20Ratina%20Carolina%20400Xxxx-146x201Os Ratos de Lonxedetodo veñen de montar a Asociación de Animais Solidarios que dende unha oficina montada na Biblioteca e a través do teléfono prestarán axuda a todo aquel animal que teña calquera tipo de problema. Esa vai ser a historia que verán os nenos e nenas que asistan á sesión de contacontos deste mes de novembro, que se realizará o xoves 30 de novembro ás 18:00 h na Casa da Cultura.

Para asistir é necesario retirar previamente os convites na Casa da Cultura. As prazas son limitadas. Prégase puntualidade para non interrumpir a función.

O Consorcio das Mariñas e o Concello de Carral presentan a exposición Territorio Acoutado, da que son autores Carlos Lorenzo e Olga Patiño. A mostra inaugurarase o venres 24 Cartel Territorio Acoutado - Carral.de novembro, ás 20:30 h, na sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Territorio Acoutado é un proxecto poético-fotográfico no que a poeta e o fotógrafo interactúan nos seus procesos creativos e dan como resultado un poemario e unha colección de 21 imaxes, que se presentan ao público emparellando poemas e fotos. O xermolo son as lembranzas de Olga Patiño dos seus períodos de vacacións que de nena pasou en Carral. Desde ese punto de partida foron creando Territorio Acoutado, que se materializa nunha exposición e nun libro editado por Edicións Espiral Maior. Os poemas enraízan no Carral de hai unhas décadas e as fotografías, difusas e imprecisas, captan un Carral recente e transformado.

Olga Patiño Nogueira é unha poeta galega con catro poemarios publicados en solitario, incluída en múltiples antoloxías  e obras colectivas, e con traxectoria no eido da tradución e da dirección teatral. Pola súa banda o fotógrafo Carlos Lorenzo Pérez é técnico de Cultura no Concello de Carral. Conta con varios libros publicados, entre eles dous de fotografía, e ten no prelo outro con imaxes de Celanova.  Territorio Acoutado será o seu segundo libro no que comparte proceso creativo cun poeta.

O Consorcio das Mariñas promove esta exposición e colabora na difusión do libro levando Territorio Acoutado por todos os concellos que o conforman. Ademais está previsto que a exposición percorra múltiples localidades de Galicia e que tamén estea presente en Madrid.

Portada TERRITORIO ACOUTADOA exposición estará aberta en Carral ata o 15 de decembro, en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.00 h. No acto de inauguración está prevista a presenza do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, do presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, do poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e dos autores da exposición.

Obradoiro de escrita e fotografía poética

Como actividade asociada á exposición, Olga Patiño e Carlos Lorenzo ofrecerán un obradoiro para iniciar tanto na escrita como na fotografía poética. Esta actividade pretende ofrecer unhas nocións elementais sobre a escrita de poesía, sobre a fotografía poética e de como facer un traballo que xunte as dúas disciplinas.  Está dirixido a persoas maiores de 14 anos e non se requiren coñecementos previos nin de fotografía nin de poesía.

O obradoiro é de balde e realizarase na Casa da Cultura os sábados 2 e 9 de decembro, de 10:00 a 13:00 h. Para a parte fotográfica do obradoiro é suficiente con teléfono móbil con cámara. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 29 de novembro na Casa da Cultura.

18620773_10209531304785597_1224123715801315288_oA compañía de teatro Manicómicos presenta este sábado en Tabeaio a súa nova produción, A Orquestra do Mar. Será no local Xente Nova, ás 20:30 h, con entrada de balde e aforo limitado.

A obra, dirixida por Pablo Sánchez –Pablísimo-, lévanos ao ano 1958, no que o barco Atlantis percorre a ruta Coruña-Nova York trasladando a 200 pasaxeiros en camarotes de luxo e a 800 emigrantes nas adegas do barco. Nunha tormentosa noite, a imprevisible “Orquestra do Mar”, na que tocan distinguidas señoritas, ameniza as veladas aos pasaxeiros de primeira, para que poidan vomitar cun belo fondo sonoro. O concerto que podía ser trivial, convértese nunha cómica apocalipse da crueldade. Descubrimos que as artistas son mulleres que fora e dentro do escenario sofren discriminación, maltrato e opresión. Iso precipita a explosión das súas difíciles relacións coma virtuosas. Só hai un home na orquestra, o pianista, que é acosado pola prepotente directora pero tamén mantén un romance prohibido coa primeira violinista, xerando situacións hilarantes, baixo a atenta mirada dos oficiais do barco, que ameazan á orquestra coa humillación de rebaixala a tocar ante os emigrantes nas adegas do barco. É unha comedia moi tráxica salpicada de orixinais números musicais, coreografías imposibles e sketchs moi divertidos. Aínda que se afunda o mundo, compre que a orquestra non deixe de tocar..

No elenco de A Orquestra do Mar están, entre moitos outros, Willy Eter, Luis Quinteiro, Keke Díez, Malala Ricoy e Luis Vivanco.

Esta función está incluída no programa Teatro de Outono de Carral que rematará o 2 de decembro e que conta colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural.

A Concellería de Cultura coa colaboración do Colexio Vicente Otero Valcárcel, levou a cabo esta semana un obradoiro de escrita creativa co alumnado de 5º e 6º. As actividades foron impartidas polos escritores Manuel Guisande e Dores Tembrás.

papeluchoCon estes obradoiros preténdese motivar aos rapaces para que escriban relatos e contos, fomentando así a súa creatividade e amor pola literatura. A Concellería de Cultura implantou no seu programa anual esta actividade que terá continuidade durante todos os cursos, para que todo o alumnado de primaria de Carral teña contacto coa creación literaria.

Neste mesma liña de actuación, o Concello de Carral tamén organiza obradoiros de poesía para o 4º curso de primaria e para toda a ESO, nos que rachar cos falsos tópicos desta modalidade literaria e nos que se anima á creación poética nas súas múltiples variantes (artística, escénica, fotográfica…). Os obradoiros de poesía impartiranse no mes de abril no marco do certame de poesía Concello de Carral.

O vindeiro día 17 de novembro, venres, ás 12:00 h. o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, inaugurará o esperado local da xuventude, acto ao que están invitados todas/os as/os veciñas/os.

Dito local situado na rúa Alcalde Juan Seijas, nº 8, planta baixa, e que se inaugura co nome de “José Antonio Gilda Ferreiro” é un espazo para o ocio e o tempo libre, pero tamén para formarse e que serva de punto de encontro e de relación entre a xuventude de Carral.

Con case 200 m2, os usuarios e usuarias disporán de luns a venres entre as 16:30 a 20:30 horas, de varios espazos para o seu aproveitamento. Un aula equipada con 12 ordenadores, para buscar información, facer traballos escolares, impresión de documentos ou xogar na rede, unha aula taller na que reunirte e traballar en grupo, unha sala de audiovisuais para proxeccións, e un aula lúdica, equipada con diferentes consolas (Play Station, Wii) e videoxogos. Terás tamén a túa disposición diferente material deportivo e de ocio, nun local no que terás acceso libre a internet a través de rede wi-fi. Poderás tamén informarte de temas que che interesan, coma actividades para a mocidade, axudas, becas, ou cursos, e mesmo solicitar o Carne Xoven. Esperámosvos!!

Medio centenar de arqueiros acudirán este sábado á 1ª xornada da liga de equipos de Tiro con Arco 17/18.
Read more

CARTEL XOQUEA compañía Malasombra Teatro é a seguinte en ocupar o escenario do ciclo Teatro de Outono de Carral, para presentar a súa produción D.E.P. Será o vindeiro sábado 4 de novembro, ás 20:30 h, con entrada de balde ata completar o aforo.

D.E.P. é unha trepidante comedia na que se mostra con moito humor, o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Uns seres humanos que nos amosan o seu lado máis cruel, ante a disputa de bens materiais: “que mamá morra axiña por favor! “. É unha obra que mostra unha situación ben recoñecible polo espectador: a pelexa pola herdanza. Pero aínda hai algo que a fai moito máis singular e é que neste caso, a herdanza é dunha nai que aínda non está morta.

D.E.P., dos autores teatrais Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez, está dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García.

A función levarase a cabo no local Xente Nova de Tabeaio. Prégase puntualidade xa que unha vez iniciada a representación, non se poderá acceder á sala.

Cartel La Oportunidad Carral.O grupo de teatro amador Charamusca, formado por actores de Carral e dirixido por Xosé Leis, estrean a súa nova produción A Oportunidade. Será mañá, 29 de outubro, dentro do ciclo Teatro de Outono que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral.

Na obra interveñen Verónica Méndez, Antonio Rodríguez, Xavier Veiras, Carmen Barros, Rubén Cabanas e Lucía Ugarte.

Enid é unha nai que viu como a súa vida foise vindo abaixo. Só lle queda como oportunidade que o seu fillo sexa descuberto grazas ao talento que só lle coñecen na casa. A Oportunidade é unha “case comedia” onde todos os personaxes buscan un soño e non sempre o acadan. É un espectáculo realista onde a complexidade do personaxe principal obriga a dividilo en dúas actrices para que nos amosen as fendas e os soños dunha nai que sempre quere o mellor para o seu fillo.

A función terá lugar en Tabeaio, no local Xente Nova, ás 20:30 h. A entrada é de balde e o aforo limitado. Prégase puntualidade porque unha vez iniciada a obra non se permitirá o acceso á sala.

 

Un ano máis, o festival Galicreques das Mariñas volve a Carral presentando dous espectáculos.la_mar_de_marionetas2

Os rapaces de Educación Infantil do colexio Vicente Otero gozarán da obra Cenicienta, da compañía madrileña La Mar de Marionetas. Será unha función escolar no local Xente Nova en Tabeaio o venres 27 de outubro.

Aberta a todo o público e recomendada para maiores de 6 anos de idade, a compañía galega A Xanela do Maxín, presentará no edificio Toñito Espiñeira o espectáculo As Aventuras de Gale. Será o sábado 28 de outubro, ás 18:00 h. A entrada é de balde e o aforo limitado. É necesario que as idades se axusten ao especificado pola compañía, e que se sexa puntual para non interrumpir a función unha vez comezada.

Cartel As Mariñas-Galicreques 2017-baixa