CIRO BRIONES RECIBE O XXVI PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL POLO SEU POEMARIO OÍDOS DE ESPELEÓLOGA

A Casa da Cultura acolleu, esta tarde, o acto de entrega do XXVI Premio de Poesía Concello de Carral. Por unha banda, o acto serviu para conceder o galardón desta edición a Ciro Briones (Pobra do Caramiñal, 1996), que conquistou ao xurado con Oídos de espeleóloga. Pola outra, na cita presentouse oficialmente Trono e caléndula, a obra coa que Carlos Penela gañou a vinte e cinco convocatoria do certame.

Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a profesora e representante do xurado, Antía Marante, o responsable de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, e os gañadores desta e da pasada edición, Ciro Briones e Carlos Penela, respectivamente.

Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar aos gañadores da presente e da pasada edición. Gestal sinalou o compromiso do goberno por seguir apostando por este certame “un dos de maior traxectoria a nivel galego e que segue situando a Carral como un referente neste xénero”.  

Ademais da propia entrega, o evento contou coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a  partir do poemario do mesmo título que se converteu, no 2021, no gañador do certame carralés.

Un cento de obras

Ciro Briones xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo (2020), o 1º premio de poesía Xuventude Crea (2020 e 2022), e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).

O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón un récord para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros.

O xurado salientou do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa harmonía verbal. É un poemario que explora liricamente espazos da desolación e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación.

O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Ademais da dotación económica, a obra de Briones pasará a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior. O Premio de Poesía de Carral conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura.