EXPERTOS DO SECTOR AUDIOVISUAL DARANSE CITA NA XORNADA ‘ANIMACIÓN EN SERIE’ QUE ORGANIZA O CENTRO TECNOLÓXICO AMIGA DE CARRAL
O centro tecnolóxico AMIGA acollerá mañá, venres 28 de febreiro, a xornada ‘Animación en serie’, un evento formativo que se desenvolverá ao longo de toda a mañá e que incluirá ponencias e unha mesa redonda a cargo de numerosos profesionais do sector audiovisual. A inauguración estará presidida polo alcalde, Javier Gestal, polo director de AMIGA Space, Xosé Zapata, pola presidenta da comisión de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García López, e polo vicepresidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Gaspar Broullón.
Unha vez inaugurado o evento, darase paso a unha serie de relatorios nos que intervirán varios expertos do ámbito. O primeiro arrincará ás 10.15 horas e, durante o mesmo, o equipo creativo Bibopalula encargarase de ensinarlle ao público asistente como se fai unha serie galega 100%. O creador e directivo creativo de Wawaland Planet, Ton Pernas, impartirá a segunda charla (11.00 horas), que versará sobre a creación dunha marca internacional desde A Coruña. Por último, ás 11.45 horas, está previsto que o produtor, Xosé Zapata, e os animadores David Saborido e Laura Blanco dean unha última sesión na que falarán de coprodución internacional desde Galicia.
Mesa redonda A xornada continuará cunha mesa redonda (ás 13.00 horas) na que participarán os seguintes interviñentes: o director de Contidos infantís de RTVE e director de Clan TV, Yago Fandiño, a directora das plataformas xabarin.gal e agalega.gal, María Sabucedo, o propio Xosé Zapata en calidade de produtor de ‘O diario de Alice’, o creador de ‘The Wawies’, Ton Pernas, e o produtor de Bibopalula, Álvaro Pérez.
