INFORMACIÓN EN RELACIÓN AO CONVENIO ENTRE A XUNTA, FEGAMP E SEAGA EN MATERIA DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
En virtude do convenio entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención de incendios forestais infórmase do seguinte:
Realizaranse inspeccións en campo e notificarase aos propietarios e propietarias das parcelas que limitan coas pistas sinaladas no plano sen xestionar. As persoas propietarias contarán cun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación para xestionar a parte afectada das parcelas. Se pasado este prazo non se actuou nestas, Seaga procederá a realizar os traballos con cargo ao convenio.
Os traballos consistirán na roza de mato e a retirada de especies arbóreas non permitidas (piñeiros, acacias, eucaliptos) nos 4 metros a cada lado das marxes das vías de titularidade municipal aprobadas, para adecualas ás distancias establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
No caso de haber madeira de especies que non poidan estar presentes, os propietarios poderán retirala antes de que remate o prazo indicado. Se é Seaga quen, finalmente, realiza estes traballos, a madeira será decomisada polo convenio.
As persoas que precisen máis información poderán contactar co servizo de Medio Ambiente do Concello de Carral no teléfono 981 67 00 02.