NOVA EDICIÓN DO TORNEO MUNICIPAL DE TENIS DE CARRAL
Son xa 15 os tenistas inscritos para esta XIII edición desta competición de verán.
Ata o próximo 22 de xullo teñen de prazo os interesados para anotarse neste clásico torneo estival. Un ano máis o concello de Carral e o club Marineda convocan este torneo de tenis de verán, que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro nas pistas de municipais.
A falta de 12 días para que se peche a inscrición, son xa 15 os tenistas anotados para disputar esta competición que dará comezo o día 24 de xullo. Os inscritos serán divididos en dúas categorías; menores de 17 anos e maiores de 18. En cada unha delas conformaranse grupos para a disputa dunha liguilla na que se enfrontarán todos contra todos e que durará dende o 24 de xullo ata o día 29 de agosto. Delas formarase o cadro dos oitavos de final para cada unha das categorías, disputándose dende o 29 de agosto e o 10 de setembro as fases finais (oitavos, cuartos e semifinais). Para rematar, o domingo 13 de disputaranse os partidos polo 3º-4 º e a final en ambas as dúas categorías, a partir das 16.30 h nas pistas municipais de tenis (complexo polideportivo de Paleo).
Para máis información poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, ao teléfono 981.67.25.80 ou no correo electrónico deportes@concellocarral.com