O 4 DE FEBREIRO DARÁ COMEZO A III LIGA DE PÁDEL DE CARRAL
O Concello de Carral dará comezo este vindeiro martes, 4 de febreiro, a III Liga de Pádel, que se disputará entre febreiro e xuño de 2025.
En total disputaranse máis de 80 partidos, nun torneo onde o obxectivo é fomentar a práctica lúdico-deportiva de toda a veciñanza de Carral, facilitando ademais o coñecemento e achegamento a este deporte.
Esta Liga de pádel municipal naceu no ano 2022 na que se reuniu un total de 10 parellas. No ano 2023 foron xa 16 as parellas participantes. E nesta terceira edición conseguiuse alcanzar a cifra de 24 parellas divididas en dúas categorías:
– Categoría A (nivel alto medio) con 7 parellas rexistradas.
– Categoría B (nivel medio iniciación) cun total de 17 parellas rexistradas. O formato do torneo iniciarase cunha fase de Liga na que as parellas se enfrontarán entre si segundo a categoría na que están rexistradas. Esta fase desenvolverase desde o 4 de febreiro ata o 8 de maio, disputándose os partidos os martes e xoves de cada semana. As datas e horarios dos encontros son establecidos pola organización; con todo, estes poden ser modificados de mutuo acordo entre as parellas contendentes e coa aprobación da organización. Unha vez terminen o formato de Liga, as parellas clasificaranse para o cadro eliminatorio de cada unha das categorías. Esta nova fase da competición estenderase desde o 13 de maio ao 15 de xuño.