O CONCELLO REABRE AS PISTAS DE PÁDEL TRAS A EXECUCIÓN DE VARIAS OBRAS DE MELLORA NA INSTALACIÓN
O Concello de Carral reabriu, esta semana, as pistas de pádel municipais tras concluír as obras que se executaron nestas instalacións. Con estas intervencións, o goberno local reafirma a súa aposta pola mellora das infraestruturas deportivas do municipio.
O proxecto do Concello incluíu a realización dos seguintes traballos: colocación de novas redes de protección fronte as condicións climatolóxicas adversas, disposición dunha porta de acceso lateral para o corredor entre pistas -ata o de agora, os usuarios e usuarias tiñan que cruzar polo medio da propia pista para saír-, pintado do corredor cun material antiescorregadizo e colocación de novas redes.

Estas intervencións contaron cun orzamento próximo aos 20.000 euros e supuxeron unha considerable mellora das instalacións, moi empregadas ao longo de todo o ano.

Un compromiso co deporte
A maiores destas actuacións, o Concello levará a cabo outras iniciativas para mellorar as instalacións deportivas, como a ampliación do Centro Deportivo, a reforma interior do polideportivo do Vicente Otero e a rehabilitación da pista deportiva exterior de Tabeaio.