O GOBERNO LOCAL PROPOÑERÁ A DESAFECTACIÓN E CESIÓN GRATUÍTA DO CENTRO DE SAÚDE DE CARRAL AO SERGAS

O goberno local levará ao pleno ordinario do xoves, 25 de marzo, a iniciación do expediente de cesión gratuíta do centro de saúde de Carral ao Servizo Galego de Saúde. De aprobarse esta medida, o Sergas asumiría calquera obra ou traballo que houbese que executar na instalación para adaptala ás novas necesidades xurdidas por mor da pandemia. A maiores, conseguiríase un aforro considerable para as arcas municipais.

Se a corporación dá luz verde á iniciativa, iniciarase o expediente de desafectación transitoria do edificio do centro de saúde, así como da parcela na que se atopa, someténdoo a exposición no BOP durante o prazo dun mes. O Concello arrincará, ademais, o expediente de transmisión da construción e do terreo ao Sergas abrindo, así mesmo, o prazo de información pública.

O Concello comprométese a asumir os custos de elevación en escritura pública da cesión gratuíta do centro de saúde, así como da súa inscrición no rexistro da propiedade. A Administración Local regulará nas ordenanzas fiscais a exención a favor dos centros sanitarios de titularidade do Sergas do pago do imposto sobre bens inmobles. Por último, o Concello deberá aprobar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras para recoller unha bonificación do 95% por tratarse dunha instalación declarada de especial interese ou utilidade municipal.