O GOBERNO PROPÓN MÁIS DE 32.000 EUROS A AXUDAS A ASOCIACIÓNS E CLUBS DO MUNICIPIO

O goberno local elevará ao pleno de mañá, xoves 28 de setembro, unha modificación da execución do orzamento de 2023 para os convenios de colaboración co tecido asociativo do municipio. En total, a modificación ascende a máis de 32.000 euros que se dedicarían a axudas a asociacións culturais, medioambientais, clubs deportivos e comisións de festas.

A cantidade serviría para apoiar a actividade dunha vintena de entidades. Como novidade con respecto a outros exercicios, o goberno local inclúe nesta relación de axudas ás comisións de festas. A idea, como apunta o alcalde de Carral, Javier Gestal, “é apoiar o labor que realizan as comisións, outorgándolles unha axuda económica para apoialos na organización de festas populares”.

As axudas servirán para sufragar a organización de actividades, eventos ou festas, a participación en competicións ou compra de material e equipamento deportivo ou a realización de charlas e xornadas.