O GOBERNO PROPORÁ DESTINAR PRETO DUN 20% DO ORZAMENTO DO 2024 A GASTO SOCIAL
O goberno elevará o orzamento do 2024 ao pleno do luns, 1 de abril (20.00 horas). O documento económico deste exercicio ascende a 6.321.018,87 euros, o que supón un crecemento de, practicamente, o 9 % con respecto ao anterior (de 5.800.917,34). Os orzamentos reflicten, non só a boa saúde das arcas municipais, senón tamén o compromiso do goberno local polos Servizos Sociais. Tanto é así, que na proposta destaca a contía destinada a gasto social, que chega ata 1.053.790,77 euros. Isto é, un 16,6 % do total dos orzamentos empregaríase para asistencia social primaria.
A contía dedicada a Servizos Sociais inclúe tanto as partidas de persoal e subministracións como as destinadas ao financiamento de programas asistenciais e para colectivos en risco de exclusión social. Na relación de gasto destaca a partida de axuda no fogar, que suma entre as modalidades de dependencia e libre concorrencia, un total de 703.560 euros. Neste apartado atópanse tamén as axudas de emerxencia social (10.000 euros), o programa de educación familiar (9.300 euros) ou as actividades para a terceira idade, que contan cunha consignación de 11.000 euros.
Un millón en investimentos
O goberno local reforzará, ademais, a súa aposta por continuar mellorando as infraestruturas e servizos dos veciños e veciñas. Para logralo, o orzamento de 2024 incorpora obras por valor de 1.038.427,64 euros. A relación inclúe as obras financiadas a cargo do Plan Único da Deputación da Coruña e tamén a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Unha gran parte das intervencións servirán para reforzar as condicións de seguridade en vías e camiños mediante a mellora da capa de rodadura ou a creación de beirarrúas en Herves, Sergude, Quembre, Sumio e San Vicente.
O goberno mantén a súa aposta pola cultura
As actividades para promover a conciliación da vida familiar e laboral -campamentos de verán e programa madrugadores- en colaboración cos centros educativos, así como as de tipo cultural e deportivas seguirán sendo unha prioridade para o goberno local tal e como se recolle no documento económico.
O Concello manterá, así mesmo, o seu apoio ás familias e tamén á comunidade educativa, algo que conseguirá co aumento das partidas dedicadas á conciliación e ás bolsas de ensino.
Máis persoal
O documento económico de 2024 recolle un crecemento no capítulo de persoal, que chega ata os 2.216.920,18 euros. Desde o goberno local apuntan que co fin de garantir unha mellor atención á cidadanía, reforzarase o departamento de Obras e Urbanismo coa incorporación de dous obreiros e dun técnico.
Actualización da RPT
O pleno servirá, así mesmo, para elevar a actualización da Relación de Postos de Traballo -RPT-. Neste caso, exponse un cambio na relación de postos de traballo para adaptar o documento ás necesidades actuais da Administración local. Así, súmase a ficha correspondente ao persoal eventual e proponse modificar dous postos: por unha banda, o de administrativo/a de Intervención e o de auxiliar administrativo de Administración xeral.
Modificación da parada de taxis
Outro dos puntos que se elevarán ao pleno do luns será o cambio de localización da parada de taxis de Carral con motivo da execución inminente das obras na praza da Capela. A aprobación en pleno implicará a modificación desta parada, que pasará a estar situada na rúa Víctor Velasco.
O goberno local elevará, así mesmo, a proposta para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para a XX Festa do Pan de Carral.