O TORNEO DE TIRO CON ARCO “CONCELLO DE CARRAL” CUMPRE 12 ANOS

Case 70 de arqueiros acudirán este sábado unha nova edición deste torneo do Nadal.

XII trofeo carralO sábado 21 de decembro, disputarase no pavillón municipal  do Espiño a 12ª edición do “Trofeo de tiro con arco “ Concello de Carral”. Este evento está organizado polo Concello de Carral xunto co club Seteiros do  Adarve e persegue o fomento unha práctica deportiva saudable entre os máis novos da localidade carralesa.

Na competición deste sábado tomarán parte 11 escolas/clubs deportivas de diversos puntos da xeografía galega como A Coruña, Teo, Arzúa, Ordes, Laracha, Vimianzo,  Guitiriz, A Coruña, Ponteceso, San  Ciprián Lugo e, por suposto, o club de tiro con arco  Adarve de Carral. En total no evento están inscritos de 68 seteiros e seteiras de todas as idades.

Está previsto que o evento, comece sobre as 17.00  h. con deportistas de idades comprendidas entre os 7 e os 65 anos. A competición cun formato por puntuación, constará de 7 categorías que agrupaban a todos os seteiros; Esquío,  Benxamíns, Alevíns, Infantís, Cadete, Noveis e  Sénior (todas elas masculino e feminino).

Agárdase rematar o torneo, ao redor das 19.00  h, momento no que todos os participantes poderán degustar uns ” entremeses” ofrecidos polo club, mentres os xuíces do acto dirimen as puntuacións finais. Unha vez aclarados os postos, farase entrega dos trofeos aos tres mellores seteiros de cada categoría.

Para máis información,   os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981. 672.580 ou no  mail deportes@carral.es.

 

Tiro Olímpico.

Tamén o sábado 21, pero neste caso entre as 10.00 e as 14.00  h, o Club de Tiro Olímpico de Carral organiza o seu xa tradicional “Tirada  do  Xamón”, na que tiradores de todos os clubs da provincia e afeccionados en xeral compiten polo primeiro premio, un xamón de 7 kg.

O destacable deste torneo amigable é que calquera pode ser o gañador, xa que os participantes disparan a unha diana dada a volta na que as diferentes puntuacións distribúense ao longo de toda a súa superficie.

Con este evento o club da localidade carralesa trata, por unha banda de achegar este deporte de precisión ao público en xeral dunha forma lúdica, e por outro é unha forma de xuntarse e felicitar as festas a todos os afeccionados e socios da entidade.