OS MOZOS DE CARRAL ACUDIRON UN ANO MÁIS Á PISTA DE XEO
A Concellería de Deportes de Carral organizou a 17ª edición da viaxe á pista de xeo da Coruña.
O sábado 13 de xaneiro case medio centenar de mozos e mozas de Carral acudiron a pista de xeo Invernalia na Coruña (xunto ao Dique de Abrigo), nunha viaxe organizada polo Concello da localidade coa colaboración de club de patinaxe Alquimia.
A excursión comezou o sábado sobre as 10.30 h, momento no que a expedición partiu cara a pista de xeo. Ao redor das 11.00 comezou a xornada de patinaxe na que algúns dos máis expertos patinadores puideron lucirse facendo verdadeiras acrobacias sobre os patíns, e outros simplemente fixeron as acrobacias para non caerse. Sobre as 12.00, e despois dalgunha que outra caída, rematou o día de patinaxe e os mozos carraleses tornaron ás súas casas esgotados pola intensa e divertida actividade. Todos eles expresaron a súa ledicia pola actividade e mostráronse impacientes por repetir a experiencia.
Esta viaxe é xa un clásico na programación deportiva municipal do Nadal do Concello de Carral; mediante esta excursión búscase busca fomentar a práctica deportiva e achegar novas formas de ocupación do tempo de lecer á poboación máis nova, vinculándoa como sempre coa idea do hábito deportivo saudable.