PRIMEIRO DÍA DA ENTREGA DE TÍTULOS DA PARCELARIA DE SAN VICENTE DE VIGO, QUE PORÁ FIN A UN PROCESO PENDENTE DESDE HAI DÉCADAS

O Concello de Carral está a piques de concluír o proceso de concentración parcelaria de San Vicente de Vigo. Tanto é así, que o pavillón O Espiño viviu, esta mañá, a primeira xornada de entrega de títulos aos propietarios, último paso para finalizar un proceso pendente desde hai décadas. O alcalde de Carral, Javier Gestal, desprazouse ata a instalación co fin de supervisar esta entrega, e fíxoo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e por outros representantes da Xunta de Galicia. O rexedor carralés destacou “o gran beneficio que suporá o remate deste proceso, e que parte do traballo coordinado entre diferentes administracións”. Gestal incidiu en que a concentración parcelaria desta parroquia “foi unha das máximas prioridades do goberno local desde o inicio do mandato, e que se intentou axilizar mediante reunións cos organismos competentes no asunto”.

A parcelaria, compartida entre os municipios de Carral e Cambre, comprende unha superficie de case 600 hectáreas e beneficiará a 697 persoas propietarias. A conclusión deste proceso implicará pasar das 2.209 parcelas iniciais ás 1.087 resultantes, o que conlevará tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona.

O pavillón acollerá mañá, xoves 23 de setembro, a segunda xornada de entrega de títulos. Neste caso, será a quenda dos donos da Ramalleira, Balbén, As Táboas e A Ludiña (entre as 10.00 e as 12.00 horas) e de Tamaruño, Río Brexo e Río Barcés (de 12.00 a 14.00 horas).

As persoas que non poidan acudir á entrega de títulos poderán delegar a recollida noutra persoa. Neste caso, deberán levar cuberta a precepcitiva autorización, dispoñible na páxina web do Concello. Aqueles títulos que non se retiren estarán ao dispor dos interesados no Servizo de Infraestruturas Agrarias dá Xefatura Territorial do Medio Rural.