O espazo de baño infantil da piscina municipal de Carral acollerá os días 2 e 3 de setembro, os concertos do ciclo Músicas Íntimas, nos que actuarán os grupos De Vacas e Gonçalo Guerreiro Cuarteto.
Este programa musical, que chega á segunda edición, presenta artistas galegos en concertos de pequeno formato e cun aforo reducido, propiciando o goce da música en directo nun entorno acolledor.
De Vacas, que actuarán o sábado 2 de setembro, son un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Fan versións de grandes temas venerados polo público. De Vacas defende que detrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Desde as Spice Girls ata o Gagnam Style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló… temas que “marcaron as nosas tardes de domingo na discoteca e que rescatamos para vós nun formato fresco e divertido co que emocionarse e rir a partes iguais”.
Gonçalo Guerreiro ofrecerá o seu concerto en formación de cuarteto o domingo 3 de setembro. Presenta un repertorio de temas en portugués: “Estas cancións xorden das sensacións e pensamentos que foron nacendo en min ao longo dos anos que levo vivindo lonxe da miña cidade, Lisboa. Existen para que eu poida atopar memorias dela nos lugares por onde vou pasando.” O espectador mergúllase nun universo rítmico e melódico que viaxa do humor á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop ao jazz, pasando sempre polo fado.
Ámbolos dous concertos comezarán ás 22:30 h. con entrada de balde e aforo limitado. Aínda que as previsións meteorolóxicas amósanse favorables para facer os concertos na piscina municipal, ante a posibilidade de choiva trasladaríanse á sala de audiovisuais da Casa da Cultura.
O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Carral, coa participación da Deputación provincial a través da súa Rede Cultural, e de Agadic e da Xunta de Galicia co seu programa Cultura no Camiño.