Tag Archive for: Deportes Carral

Faise pública a listaxe das solicitudes admitidas para o ENGLISH SPORT CAMP que terá lugar entre o 19 de xullo e o 6 de agosto.

Para calquera consulta ou aclaración os interesados poden poñerse en contacto coa Casa da Cultura no 981.67.25.80 ou no mail casadacultura@carral.es.

CARRAL DOBRA A SÚA APOSTA POLA CONCILIACIÓN AMPLIANDO OS HORARIOS DOS SEUS CAMPAMENTOS DE VERÁN

O Concello acaba de dobrar a súa aposta pola conciliación a través do lanzamento dunha nova convocatoria dos campamentos de verán que, este ano, se levarán a cabo con dúas importantes novidades. Por un lado, a ampliación de horarios ata as 16.00 horas. Polo outro, brindándolles ás familias a opción de que poidan anotar aos pequenos e pequenas por semanas. Tal e como sinalan desde o goberno local, ambas as dúas medidas buscan cumprir un mesmo obxectivo: “darlles aos veciños e veciñas máis facilidades a prol da conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival”.

Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos, celebraranse ao longo de todo o verán en tres quendas coas seguintes temáticas: 1º irán os campamentos deportivos (28 de xuño ao 16 de xullo), a continuación os English sport camp (19 de xullo ao 6 de agosto) e, por último, os campamentos sobre Medio Ambiente (do 9 de agosto ao 3 de setembro). Nesta primeira quenda, a rapazada coñecerá a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Co fin de axustar á organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola Xunta de Galicia, o Concello celebrará os campamentos no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

Os nenos e nenas terán a posibilidade de entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00 horas terá lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realizaranse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, será a hora da comida. En caso de solicitalo, os cativos e cativas deberán traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo a supervisión dos monitores e monitoras.

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas estarán separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias deberán desinfectar as mans. Ademais, os maiores de 6 anos deberán empregar a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establecerá quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

O período de inscrición acaba de abrir, e as persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o 21 de xuño. A documentación deberá achegarse a través do correo electrónico casadacultura@carral.es

FOTO CARRAL-El Concello se reunirá con 20 entidades y clubs deportivos de Carral para estudiar posibles convenios de colaboración

 

O novo equipo de goberno do Concello de Carral acaba de iniciar unha rolda de reunións cos representantes dunhas 20 entidades e clubs deportivos do municipio. O obxectivo destes encontros é escoitar as principais peticións dos clubs deportivos para estudar a viabilidade de convenios de colaboración de fronte ao próximo ano.

A primeira reunión tivo lugar esta semana co presidente e o secretario da Unión Deportiva Carral, unha das entidades deportivas máis activas do municipio. Con todo, nas próximas semanas fixaranse entrevistas similares co resto de asociacións e clubs de diferentes modalidades deportivas. Unha vez se fale con todos, o Concello estudará a posibilidade de establecer convenios de colaboración con algúns clubs, que se asinarán no 2020.

Trátase dunha iniciativa nova coa que o goberno local pretende coñecer, de primeira man, as principais peticións e necesidades dos diferentes clubs do concello.

Axudas a deportistas de alto nivel

O equipo de goberno expón unha segunda novidade importante para o 2020: a creación dunha liña de axudas para deportistas destacados do municipio. As subvencións concedidas polo Concello estarán dirixidas a sufragar parte dos gastos derivados dos desprazamentos que moitos deportistas realizan para participar en competicións e certames.

O Concello inicia os traballos para cubrir as pistas de pádel

O novo equipo de goberno do Concello de Carral acaba de iniciar as obras para cubrir as pistas de pádel. Para realizar estes traballos é preciso ocupar as dúas pistas. Por mor deses labores, que durarán aproximadamente ata o 15 de outubro, estas instalacións estarán temporalmente pechadas. Desculpade as posibles molestias ocasionadas.

I Ciclocross Concello de Carral

A Casa Consistorial de Carral acolleu hoxe, venres 2 de novembro, a presentación oficial do I Ciclocrós Concello de Carral. Na proba, que terá lugar o próximo 25 de novembro, daranse cita ao redor de 300 ciclistas de toda Galicia e de todas as categorías.

Esta proba deportiva federada, organizada pola Peña Ciclista Monte Xalo en colaboración co Concello de Carral, realizarase nun circuíto habilitado en Ameás (parroquia de San Vicente de Vigo) e será puntuable para o campionato galego da especialidade.

Á presentación da proba acudiron representantes da Pea Ciclista Monte Xalo e o concelleiro de Deportes e Xuventude, Rubén Regueira Moar.

I CICLOCROSS CONCELLO DE CARRAL

Cartaz do I Ciclocross Concello de Carral

PAVILLÓN VICENTE OTERO VALCÁRCEL

O pavillón do Vicente Otero Valcárcel acaba de recibir un bo lavado de fronte. Todo grazas ás actuacións que o Concello de Carral acometeu neste espazo deportivo, unha das áreas máis utilizadas polo alumnado do centro educativo.

PAVILLÓN VICENTE OTERO VALCÁRCEL 1

Entre as actuacións acometidas no pavillón, destacan o pintado de varias paredes e a substitución de uralitas

Estas intervencións, que arrincaron no mes de agosto, termináronse para o inicio do curso escolar. Dentro a lista de actuacións destacan os traballos de pintura que se realizaron nalgunhas paredes do pavillón. O goberno local executou tamén o arranxo das uralitas da cuberta e dos canlóns, a retirada da rede situada no teito e a reposición do equipamento nos vestiarios desta instalación deportiva.

Con todo, estas non serán as únicas tarefas que se efectuarán no edificio. O Concello proxecta, a curto prazo, outros traballos que inclúen, por exemplo, o repaso das liñas de xogo do firme da instalación deportiva.

Carral adquire un novo tapiz para a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica

O Concello de Carral acaba de adquirir un novo tapiz para a escola municipal de ximnasia rítmica por importe duns 4.300 euros. O goberno local renova así parte do mobiliario que utiliza, non só esta escola, senón tamén o Club de Ximnasia Rítmica de Carral.

Este tapiz, que conta cunhas dimensións de 14×14 metros, cunha greca de 50 centímetros e un grosor de 1,5 centímetros aproximadamente, substituirá ao antigo, que xa tiña dez anos. Este chan servirá para que as novas ximnastas fagan unha práctica máis profesional deste deporte.

Carral adquire un novo tapiz para a escolar municipal de ximnasia rítmica

Este novo chan garantirá unha práctica máis profesional deste deporte

 

A ximnasia rítmica é unha das actividades que mellor funciona en Carral. Tanto é así, que este último curso foron 65 as alumnas que tomaron parte na práctica deste deporte na escola do municipio.

Carral pon a punto a piscina municipal para inaugurar unha nova tempada de baño

Carral dará por inaugurada a nova tempada de baño o vindeiro sábado, 16 de xuño, coa apertura ao público da piscina municipal. Con esta data en mente, o Concello de Carral intensifica agora os labores de acondicionamento para poñer a punto a piscina.

Os operarios levan dúas semanas acometendo diversas actuacións neste complexo deportivo: revisión das bombas, limpeza do vaso e dos filtros da piscina, cambio de auga e substitución das plaquetas danadas.

Esta instalación atraeu, o ano pasado, a uns 3.800 bañistas durante todo o verán. Ademais, este espazo acolle os cursos de natación para nenos durante os meses de xullo e agosto.