Tag Archive for: Festa Empanada

Presentación oficial Festa da Empanada de Carral

A Festa da Empanada de Carral achégase ao medio século de vida, e faio cunha saúde de ferro: afianzándose como unha cita gastronómica de referencia en toda a comarca e coa previsión de que este xoves véndanse máis de 12.000 racións desta delicatessen con selo carralés.

Hoxe, martes 4 de setembro, o Concello de Carral e as panaderías participantes presentaron a nova edición da festa, que cumpre corenta e cinco anos de vida. Ao acto asistiron o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, a concelleira de Educación, Traballo e Benestar, Florinda Duarte, e representantes dos catro obradoiros: Panadería Da Cunha, Panadería Cañás, Panadería Manuel Rodríguez e Panadería Pedro Fernández.

PRESENTACIÓN FESTA DA EMPANADA DE CARRAL

O Concello de Carral e os panadeiros organizaron hoxe, martes 4 de setembro, a presentación oficial da Festa da Empanada

O rexedor, José Luis Fernández Mouriño, animou aos veciños de toda a comarca a achegarse a Carral para degustar un dos seus produtos máis emblemáticos. Así mesmo, destacou o traballo que leva para os panadeiros, quen recoñeceu que esta semana traballarán “ as 24 horas do día”.
Pouco haberá que esperar xa para degustar as deliciosas empanadas artesanais que se cocen nos fornos carraleses. A Festa da Empanada celebrarase este xoves 6 de setembro a partir das 17.00 horas, aínda que se espera que as horas de maior afluencia sexan as 19.00 e as 20.00 horas. O prezo da ración estará unificado: as variedades de bacallau, bacallau con pasas, bonito, pito con champiñóns e carne terán un prezo de 3 euros, mentres que as de polbo e zamburiñas serán de 4,5 euros a ración. O custo do resto de empanadas estará marcado por cada un dos obradoiros. Este prezo incluirá viño de forma gratuíta por cortesía das panaderías.
Ambientación musical
Boa comida, pero tamén boa música. A partir das 17.30 horas están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: da Banda de Gaitas Ferreñas de Vilarmaior, dos Grupos de Baile Tradicionais “Son d’aquí” da Coruña, do Grupo de Gaitas Xebre da AAVV Oza Gaiteira Os Castros da Coruña e do Grupo de Gaiteiros e Cabezudos de Ordes.