Tag Archive for: OMIX

Por mor da pandemia, este ano o Nadal será un pouco diferente, por iso desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos un concurso de videos de TikTok para que rapazas e rapaces a partir de 10 anos, feliciten o Nadal a todas/os as/os veciñas/os de Carral.

Para elo tes que enviar o teu vídeo a omixcarral@gamil.com ou un whatsapp ao 674.793.475, xunto coa ficha de participación ata o 30 de decembro de 2020

 

FICHA PARTICIPACIÓN

 

BASES CONCURSO “ANIMA O NADAL DE CARRAL” (#nadalcarraltitok)

 

PRIMEIRA.- OBXECTIVOS

Este Nadal por mor da pandemia non vai ser como en anos anteriores. Por iso e para felicitar e animar estas datas, convócase desde a OMIX do Concello de Carral, este concurso co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, e animala a crear vídeos en galego, enviando un vídeo realizado en TikTok.

 

SEGUNDA.- PERSOAS DESTINATARIAS

Poderán participar todas as mozas e mozos de Carral a partir de 10 anos e ata os 30 anos, de xeito individual ou por parellas. No caso de participar dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade. A ou as persoas que participen nos vídeos deberán cubrir a ficha de participación, que se atopará na web municipal (carral.es), e que no caso de menores de idade deberá estar asinada pola súa nai/pai ou titor/a legal.

 

TERCEIRA.- PREMIOS

O concurso establece un premio para o/a gañador/a, á/ó que se lle notificará a través de chamada telefónica.

 

CUARTA.- CARACTERÍSTICAS E CONDICIÓNS DOS VÍDEOS

  • Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok, e nos que se valorará a creatividade e orixinalidade.
  • A temática terá que ser referente ó Nadal.
  • A duración de cada peza estará comprendida entre os 15 e os 60 segundos.
  • Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

 

QUINTA.- PRAZOS, INSCRICIÓN DOS VÍDEOS E PROCEDEMENTO

O derradeiro día para recibir os vídeos de Tik Tok será o 30 de decembro de 2020.

Para inscribise no concurso deberase enviar ao correo electrónico omixcarral@gmail.com, ou un whatsapp o teléfono 674.793.475 coa seguinte documentación:

  • FICHA DE PARTICIPACIÓN, cuberta, asinada (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais). Descargarase da páxina web municipal.
  • VÍDEO co que se vai participar.

A organización comprobará que se compren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao Facebook da Omix Carral.

 

SEXTA.- XURADO

O xurado estará composto por persoal municipal e polo concelleiro de Xuventude, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade e a creatividade.

 

SÉTIMA.- FASE FINAL

As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicos. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no concurso e serán eliminados unha vez rematado este.

A participación neste concurso implica a completa aceptación das bases e das decisións do xurado designado.

 

 

 

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil), organiza o concurso de postais de Nadal para nenas/os de entre 3 e 9 anos. As bases do concurso son as seguintes:

 

BASES CONCURSO INFANTIL POSTAIS DE NADAL

“FELICÍTANOS O NADAL 2020”

  1. O concurso terá dúas categorías:
  • Nenos/as de 3 a 5 anos.
  • Nenos/as de 6 a 9 anos.

 

  1. O contido das postais debe facer referencia ó Nadal, en galego.

 

  1. O xurado do concurso, composto polo concelleiro do departamento de Xuventude, e o informador xuvenil, valorará o contido, a orixinalidade e creatividade da postal, na que se pode incluír debuxos, recortes, frases en galego, e todo o que se lles ocorra os rapaces e rapazas.

 

  1. Haberá dous premios, un para cada categoría, para a gañadora ou gañador, e ademais tódolos participantes recibirán un diploma e un agasallo.

 

  1. Deberase introducir a postal de nadal nos sobres que atoparas na OMIX (Local Interxeracional) ou na Casa da Cultura, e no que terás que escribir o teu nome e apelidos, así coma o teu telefono e a túa idade, e depositalo nunha urna que atoparas en ditas instalacións municipais.

 

  1. O derradeiro día para presentar as postais será o martes día 22 de decembro de 2020.

 

  1. Chamarase a todas/os as/os participantes para que pasen a recoller o seu premio ou o seu agasallo.

Os xoves e venres, a partir do 26 de novembro, a OMIX (oficina municipal de información xuvenil), organiza un torneo de tenis de mesa para mozas e mozos de entre 13 e 17 anos.

Se estas interesado/a en participar ou precisas mais información, tes que enviar un correo electrónico a omix@carral.es. Enviarémosche a ficha de inscrición e terás que reenviárnola cuberta.

Recordámosche que tes que cumprir a normativa COVID, uso da mascarilla, o lavado de mans e manter a distancia de seguridade.

 

Cartel (Imaxe)

O vindeiro luns día 16 de decembro, realizarase a reapertura do local interxeracional (antigo Local da Xuventude), situado na R/ Alcalde Juan Seijas nº 8, baixo.

Este novo centro terá un horario de luns a venres de 16:00 a 21:00 h., e nel tanto a mocidade como as persoas maiores disporán do seu espazo. Un espazo que sirva de referencia e de punto de encontro e onde poderán desenvolver diferentes actividades.

O novo local interxeracional, dispón ademais de novo equipamento coma mesa de ping-pong, xogos de mesa, ou material deportivo, así coma de diferentes espazos coma a aula de informática, a aula lúdica, ou distintas estancias para reunións, encontros ou actividades.

Tamén informarvos que a partir de agora a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) pasa a estar na planta baixa de estas dependencia, lugar no que se atenderán todas as consultas e aquelas demandas que teña a mocidade.

 

Cartel (imaxe)

O vindeiro venres, día 27 de setembro entre as 18:00 e as 19:30 h. organízase desde o departamento de Cultura, a través do programa Ler Conta Moito, e en colaboración coa OMIX de Carral, un obradoiro de banda deseñada para rapazas e rapaces de entre 9 e 16 anos na Biblioteca Publica Municipal.
Traballarase a creación de guións e personaxes, así coma as técnicas para facelo, tamén explicaranse aspectos da banda deseñada coma as viñetas, as elipses narrativas os planos, etc.
Se estás interesada/o, o prazo para anotarse é ata o día 26 de setembro na Casa da Cultura ou chamando ó 981.67.25.80. Lembrar que é totalmente gratuíto e que as prazas son limitadas.

Cartel (Imaxe)

Xa case coma unha tradición, este ano regresamos ó Aquapark de Cerceda. Nesta ocasión será o día 27 de xuño.

Esta excursión, organizada pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil), está dirixida as rapazas e rapaces de entre 8 e 17 anos que sairán as 11:15 h. desde a Casa da Cultura, a onde tamén regresarán, sobre ás 19:30 h.

Abriremos un prazo de inscrición entre o 10 e o 25 de xuño, para o que aconsellamos non demorarse, xa que as prazas son limitadas. O prezo é de 8 euros.

Hai unha serie de recomendacións para pasar o día no parque acuático, non esquezas levar protección solar, nin unha gorra nin unhas chancletas e a toalla, e por suposto tampouco a túa comida.

Se precisas máis información podes chamar ó 981.67.25.80, ou pasarte pola Casa da Cultura, lugar ao que debes acudir se te queres inscribir.

Cartel (imaxe)

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) desenvolve desde hai uns anos proxectos de voluntariado europeo, para que mozos e mozas poidan realizar un voluntariado en algún país da Unión Europea.
Nesta ocasión estamos a desenvolver un proxecto conxunto co Concello de Prato (Italia), e co de Malta, no que un mozo ou moza, poderá realizar un servizo de voluntariado nalgunha destas localidades, por un período de 6 meses, entre setembro de 2019 e marzo de 2020.
Para explicar o proxecto e para saber como funciona este programa de voluntariado, o vindeiro xoves 13 de xuño, a partir das 19:00 h. levaremos a cabo unha sesión informativa no Local da Xuventude, na que explicaremos en que consiste este proxecto, cales son as condicion do voluntariado, o aloxamento, a manutencion, etc. e responderemos a todas as dubidas que poidades ter.
Se estás interesado/a, pásate!

Cartel (Imaxe)

“ESC CARRAL 4 YOUR FUTURE!”. Ese é o nome do novo proxecto de voluntariado que está desenvolvendo a OMIX de Carral.

Este proxecto, que este ano pasa a estar financiado polo Corpo Europeo de Solidaridade, conta con tres entidades, Comune di Prato (Italia), a Fundación Cross Culture International (Malta) e o propio Concello de Carral.

A partir do mes de setembro enviaremos dous voluntarios/as, un/ha a Prato e outro/a a Malta, durante un período de seis meses, e recibiremos asemesmo un/ha voluntario/a de cada un de estes paises.

Todos/as os mozos/as interesados/as en facer este voluntariado, teñen todos os gastos pagos, xa que reciben uns cartos para a manutención, dispoñen do aloxamento totalmente gratuíto, e ademais recibirán 160 € mensuais para os seus gastos persoais. Tamén se lles da 275 € para o billete de España/Italia – Italia/España, e 360 € para o billete España/Malta – Malta/España.

O único requisito para poder ser voluntario/a é ter entre 18 e 30 anos, e acudir a unha sesión informativa que organizaremos e anunciaremos nas vindeiras semanas. Non é necesario ter ningún tipo de formación específica.

As actividades que o /a voluntario/a tería que facer, serían:
– Prato, Italia: desenvolver actividades de voluntariado ao longo de estes 6 meses (setembro 2019 – marzo 2020) na Oficina Xuvenil municipal local, con tarefas como apoio á organización en talleres e actividades para a xuventude e colaboración na preparación de materiais e recursos específicos multiculturais e multimedia.
– Paola, Malta: tamén durante 6 meses (setembro 2019 – marzo 2020), realizará en diversos centros escolares, campañas de sensibilización contra o comercio de persoas, e no centro Youth Hub (Floriana) desenvolvemento de campañas extracurriculares para nenos migrantes.

Se estas interesado/a en participar neste proxecto, ou se precisas mais información podes chamar a OMIX (Casa da Cultura, 981.67.25.80) no Local da Xuventude (r/ Alcalde Juan Seijas, 8, baixo, tlfn 981.11.70.20) ou contactar con nos a través do correo electrónico omix@carral.es

Imaxe 1

Entre os días 22 de marzo e 12 de abril, no local da xuventude, todas e todos a/os que se acheguen, poderán observar a exposición “Reservas da biosfera”. Esta exposición foi cedida polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), e poderedes visitala de luns a venres entre as 16:00 e as 20:00 h. no local da xuventude.

“Reservas da Biosfera” foi creada polo Grupo de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” no marco da presentación da candidatura da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

As reservas da Biosfera decláranse pola UNESCO, e a finais de 2012 había 563 reservas en 110 países. A súa finalidade é a de harmonizar a conservación do patrimonio natural e cultura, e o desenvolvemento sostible da súa poboación, podendo atopar nelas todos os ecosistemas e todas as culturas do planeta.

En España existen 40 das que 5 están en Galicia (Río Eo, Oscos e Terras do Burón, Terras do Miño, Ancares Lucenses, Área de Allariz, e a reserva transfronteiriza Gerês- Xurés).
Entre outros beneficios, a declaración dunha Reserva da Biosfera abre a oportunidade de :
• Situar ao territorio no mapa mundial.
• Dar prestixio ao territorio, ás súas empresas e aos seus produtos.
• Ampliación dos mercados para os produtos, a través das marcas de calidade.
• Recuperación das actividades económicas tradicionais.
• Incentivas e fortalecer as iniciativas ligados ao turismo sostible.
• Xerar oportunidade de capacitación e formación.
• Acadar apoio internacional, estatal e rexional para iniciativas e proxectos ligados ao
desenvolvemento sostible e á conservación ambiental.
• Mellorar a conservación ambiental e a información sobre os recursos naturais.

20190325104627_00001

Silleda Park é un parque de atraccións situado no recinto ferial de Silleda. Por terceiro ano a OMIX de Carral, organiza unha excursión para o día 3 de xaneiro, para os rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos.
Autos de choque, o saltamontes, inchables, ou incluso videoxogos, ademáis de espectáculos e actuacións, son algunhas das cousas que se poderán atopar os nenos e nenas que acudan con nos.
Sairemos da Casa da Cultura as 15:00 h. e o regreso será ás 21:00 h. aproximadamente.
O prezo é de 6 euros, e se desexas inscribirte debes facelo entre o 13 e o 27 de decembro, chamando ó 981.67.25.80, ou pasando pola Casa da Cultura. As prazas son limitadas!

Cartel (imaxe)