TALÍA TEATRO PRESENTA EN TABEAIO A OBRA INFANTIL “VOA, VOA!”
Os departamentos municipais de Normalización Lingüística e de Cultura ofrecerán o espectáculo infantil Voa, voa!, da compañía Talía Teatro.
Voa, voa! é un espectáculo dirixido especialmente para público infantil (de 4 a 9 anos) pero para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.
A función, incluída no programa Falaredes de normalización lingüística da Xunta de Galicia, terá lugar o sábado 18 de xullo ás 12:00 h. no local Xente Nova de Tabeaio. É obrigatoria a reserva previa de convites chamando entre as 9:00 a 14:00 h. á Casa da Cultura (tel. 981 672 580) antes do xoves 16 de xullo. Para atender as normas de prevención do Covid-19, o público asistente terá asentos preasignados, só se poderán sentar xuntos membros da mesma unidade de convivencia, será obrigatorio o uso de mascara durante todo o espectáculo, e o acceso e a saída do local será de xeito gradual atendendo ás indicacións dos responsables da actividade. Para que poidan asistir o maior número posible de nenos e nenas, recoméndase que só sexa un adulto o que acompañe aos pequenos da mesma unidade de convivencia.