VOLVE O TEATRO NO OUTONO
A Concellería de Cultura, como cada ano nestes meses, ofrece un novo ciclo de teatro, que traerá a Tabeaio e Carral a cinco compañías, tanto profesionais como afeccioadas.
As representacións comezarán este sábado co clásico de Castelao, Os vellos non deben de namorarse, a cargo de Fantoches Baj. Será no local Xente Nova de Tabeaio, ás 20:30 h. Coa direción de Inacio Vilariño, esta obra para adultos con monicreques e actores, segue con fidelidade os deseños escénicos feitos polo autor.
A vindeira semana será a Escola Municipal de Teatro a que represente Tabeaius Circus, unha comedia interpretada por veciños de Tabeaio baixo a dirección de Carlos Sante.
Cándido Pazó traerá outro texto dos clásicos da nosa literatura. Neste caso trátase da novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego. Esta obra teatral está colleitando un gran éxito por todas as vilas galegas nas que se ten representado.
Pola súa banda, o grupo da ONCE, Teatro Valacar, representará o 10 de decembro Somos tan imbéciles, unha comedia baseada nun programa de televisión.
E xa por último, para o público familiar, o edificio social Toñito Espiñeira acollerá a función de Títeres Babaluva coa súa obra O Crebanoces.
Todas as funcións son con entrada de balde. A organización solicita puntualidade na asistencia porque non permitirá o acceso aos espectáculos unha vez iniciados.