Quince persoas, vinculadas na súa meirande parte a asociacións e colectivos de Carral, participaron neste último mes no obradoiro en liña “Construímos un relato”, dentro do proxecto Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital, impulsados dende BenCuriosa co apoio da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural, e a colaboración do Concello.
O taller serviu
para tecer sinerxías entre as persoas e entidades participantes. Desas
pequenas redes de colaboración xurdiron varios proxectos vinculados ao
territorio, sobre os que se desenvolveron propostas de comunicación
relacionadas con diferentes narrativas dixitais.
Neste sentido,
Carral contouse dende a perspectiva medioambiental (cunhas posibles
xornadas centradas no uso do glifosato, da man das asociacións Brexa e Lacrar,
xunto con varios colaboradores), dende a fotografía e a historia (a
próxima edición do concurso fotográfico Manuel Ferrol) e dende a musical
(os corenta anos da coral polifónica Aires de Carral), a través de
ferramentas dixitais relacionadas co audiovisual, a participación a través das
redes sociais, as narrativas transmedia ou a creación de mapas colaborativos.
O obradoiro,
que vén de pechar as súas portas virtuais, foi impartido por Bencuriosa, co
apoio do creador audiovisual Antón Varela e a especialista en patrimonio e
dinámicas participativas María Masaguer.
Os Laboratorios
En total, case
noventa persoas vinculadas a trinta e cinco asociacións de Neda, Narón,
Cedeira, Valdoviño, Muros, Vimianzo e Carral participaron nos Laboratorios
Itinerantes de Cultura Dixital,
a través de
varios obradoiros en liña, facilitados por diferentes axentes creativos:
- Narrativas dixitais, en Neda e Narón da man de Gingko
- Creación audiovisual, facilitado para Vimianzo polo colectivo Merenda Creativa
- Construción dun relato, impartido en Muros, Carral, Cedeira e
Valdoviño por BenCuriosa, coa participación do creador audiovisual Antón Varela e a experta en procesos participativos María Masaguer
- Contrapublicidade, aberto aos sete concellos, coa produtora
creativa Illa Bufarda
Sobre que se traballa
nos obradoiros?
Nestes obradoiros as
participantes desenvolven un proceso de aprendizaxe colaborativa que se aplica,
con ferramentas dixitais e a axuda dos profesionais implicados, a un proxecto
en equipo relacionado co lugar no que
viven. Neste proceso, que afronta xa a súa recta final, tecéronse redes de
colaboración entre persoas ás que os Laboratorios lles facilitaron un espazo
virtual de encontro e de posta en común.
Así, varios grupos -formados
por xente con distintos intereses, idades e destrezas dixitais- están a traballar sobre o seu territorio
dende a igualdade, a memoria colectiva, a sostibilidade, o patrimonio, a
interculturalidade ou a conexión entre distintas xeracións.
Nos Laboratorios Itinerantes
de Cultura Dixital, máis que o resultado final de cada proxecto, o que importa
é o proceso, que, neste caso, tradúcese nunha veciñanza diversa e participativa descubrindo como contarse a si mesma
a través dos recursos que lle ofrece a contorna dixital.